Hoy por Hoy Baixo Miño
Sociedad | Actualidad

Tui celebra cun amplo programa de actividades as Xornadas Europeas da Cultura Xudía

Baixo o lema “Setembro xudeu en Tui” prestarán atención especial á figura de Francisco Sánchez

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro (segundo pola esquerda), xunto aos concelleiros Sonsoles Vicente, Ana Núñez e Rafa Estévez

Tui

Visitas guiadas, exposicións, conferencias, xornadas de debuxo, concertos, e gastronomía centran o programa que ao longo do mes de setembro se vai celebrar en Tui baixo o título de “Setembro xudeu en Tui”. Está promovido polo concello a través da Concellería de Turismo e Patrimonio e dentro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, que a cidade celebra anualmente pondo en valor o seu importante legado xudeu. Nas xornadas este ano prestarase especial atención á figura do medico e filósofo tudense Francisco Sánchez, ao cumprirse o próximo 16 de novembro o cuarto centenario do seu falecemento en Toulouse.

Ao longo do mes de setembro realizaranse visitas guiadas á colección de Sambenitos no Museo Diocesano, á Ruta Xudía de Tui, así coma por outros puntos de interese da cidade cos títulos “Nacemento e crise da comunidade xudaica, unha ollada no urbanismo histórico de Tui” ou “Ourives xudeus e criptoxudeus tudenses” a cargo de Suso Vila, José Ramón Fernández, Rafael Sánchez Bargiela e Sara Quintana.

Dentro deste programa “Setembro Xudeu en Tui” poderanse visitar as exposicións “Tu pueblo será mi pueblo” cedida pola Red de Juderías no Anexo Sala Municipal de Exposicións e a mostra divulgativa sobre Francisco Sánchez na Corredoira. Tamén ao longo do mes haberá distintas conferencias nas que Elyjah Byrzdett abordará “El problema converso” e Suso Vila, Rosendo Bugarín e Laureano Alonso distintos aspectos da figura de Francisco Sánchez.

Debuxos e gastronomía

Outras actividades serán o concerto que ofrecerá Marta Quintana na igrexa de San Domingos, ou a Xornada de Debuxo ao aire libre do patrimonio xudeu de Tui en colaboración co Colectivo de Urban Sketchers de Galicia e de Portugal. A gastronomía estará presente tamén nestas actividades. Por unha banda dende este sábado e un total de catorce establecementos tudenses participan nas Xornadas Gastronómicas Sefardís ofrecendo pratos e tapas co ballacau coma protagonista. Amais Javier Zafra, cociñeiro e director do proxecto Sabores de Sefarad da Red de Juderías ofrecerá un obradoiro de elaboración e degustación de receitas de cociña xudeoespañola e unha conferencia sobre as claves e mensaxes da cociña xudía. Para estas dúas actividades é preciso inscrición previa en turismo@tui.gal.

Na praza do Concello esta colocada xa a “Porta da Memoria”. Tomando unha foto na mesma e compartíndoa nas redes sociais coas etiqueas #memoria e #redjuderias ou enviándoa ao correo descubridores@redjuderias.org entrarase no sorteo de distintos premios a través da Red de Juderías, da que Tui forma parte.