Nordés Hora 14
Política | Actualidad

Mesa de calidade e a Starlight para impulsar o xeodestino

A creación destas dúas ferramentas pretende impulsar o turismo no territorio costeiro

Participantes na reunión de hoxe da CMAT

Costa da Morte

As Torres do Allo acolleran esta mañán a creación da Mesa de Calidade SICTED e a Mesa Starlight, dúas iniciativas coas que se pretende dar un puilo ao xeodestino Costa da Morte. O acto estivo presidido poloo alcalde de Zas e actual presidente da CMAT, Manuel Muíño, que destacou que ambas mesas “servirán para situar o noso xeodestino, integrado por 17 concellos da Costa da Morte, na vangarda da excelencia turística”.

A Mesa de Calidade SICTED é unha necesidade segundo o Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, dependente da Secretaría de Estado de Turismo. A Mesa Starlight Costa da Morte forma parte do plan de medidas propostas pola Fundación Starlight, que acompaña a certificación da Costa da Morte como Destino Turístico Starlight.

Marta Rodríguez Casas, membro da secretaría técnica de CMAT, indicou que estas novas ferramentas “serán estratéxicas na promoción e mellora do turismo na Costa da Morte”, destacando a necesidade de colaboración entre os diferentes sectores, públicos e privados, representados nas mesas para chegar o acadar os obxectivos propostos.

Costa da Morte Asociación Turística destaca, tras poñer en marcha estas dúas iniciativas, que continúa “o compromiso de mellora da calidade e competitividade” do destino turístico. E tamén traballa na “configuración e promoción de produtos turísticos diferenciadores na Costa da Morte” a través da procura de “colaboracións e sinerxías entre os diversos actores involucrados do sector”.

A directora da Fundación Starlight, Antonia Varela; e o catedrático da USC, Jorge Mira, enviaron unha mensaxe grabada ante a imposibilidade de estar presentes hoxe nas Torres do Allo. Antonia Varela, de viaxe en Chile, agradeceu a “dilixencia da CMAT” para poñer en marcha as recomendacións para impulsar o proxecto Destino Turístico Starlight e concretamente a Mesa Stalight Costa da Morte. “Estamos nun momento de cambio no sector turístico onde prima a calidade; e na Costa da Morte hai talento, profesionalidade e interese por preservar o ceo”. Augurou que a iniciativa “será un éxito”.

Pola súa banda, Jorge Mira, ante a imposibilidade de acudir, enviou unha mensaxe. Destacou que as mesas creadas “son oportunas” porque “a posta en valor do ceo nocturno redunda en beneficio da saúde e as condicións de vida da veciñanza da zona a través dun alumeado público eficiente”. O catedrático da USC destacou que “as alcaldías son claves para que esto funcione”, en referencia ao traballo para reducir o impacto dos alumeados públicos. Mira destacou o perfil do visitante que busca ceos puros. “É un turista cun perfil cultural e económico alto, que respecta o entorno e o medio ambiente”.