Ricardo Sieiro: “O Entroido ten que ser unha cousa de todos”
O concelleiro de Festas fai un chamamento para formar parte da Comisión colaboradora coa organización do Entroido de Xinzo 2024
"A Pantalla é algo inmaterial e fundamental da nosa cultura"
A Limia
A Concellería de Participación Cidadá, Festas e Mocidade do Concello de Xinzo de Limia convoca a toda a veciñanza interesada en formar parte activa da Comisión colaboradora coa organización do Entroido de Xinzo 2024.
Tras unha primeira convocatoria o mércores 13 de setembro sen moita afluencia, o consistorio fai unha nova convocatoria o 27 de setembro para formar parte da Comisión do Entroido. Consideran que esta convocatoria é importante porque “o Entroido ten que ser unha cousa de todos e darlle o valor que merece” afirmou o concelleiro Ricardo Sieiro nos micrófonos de Radio Limia.
Non obstante, a Comisión é algo vivo e polo tanto, sempre aberta a novas incorporacións de persoas que neste punto, polo comezo de curso, ao mellor non poden pero nuns días si. Aínda que parece que queda moito para o Entroido, o tempo apremia e a partir do 27 “xa sería definitivamente para empezar a traballar” di Sieiro que afirma que antes do nadal debería estar todo preparado.
Sieiro confesa que, como Pantalla, mais tamén agora como concelleiro, "é algo incrible polo que estamos agardando todo o ano. A Pantalla é algo inmaterial e fundamental da nosa cultura".