A Xunta e o Concello de Covelo destinan máis de 150.000€ á humanización da contorna da praza da Ermida
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o convenio co alcalde da localidade
A Xunta de Galicia e o Concello de Covelo destinan máis de 152.000 euros á humanización da contorna da praza da Ermida, segundo o convenio de colaboración asinado este mércores pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Pablo Castillo.
“Seguindo na liña da mellora dos servizos e espazos públicos renovaremos a praza da Ermida para convertilo nun lugar máis amable e accesible na liña das actuacións xa realizadas na praza de Maceira, Barcia de Mera, na de Paraños ou na Mestre Cerviño en Covelo”, indica o alcalde.
Esta actuación ten como obxectivo mellorar a accesibilidade e humanizar a praza e o camiño da Ermida, na parroquia de Santiago de Covelo, e consistirá no redeseño da rede viaria, así como na instalación dunha varanda para separar a praza da estrada. A maiores, tamén se levarán a cabo actuacións mínimas na topografía para mellorar os accesos rodados, suavizar pendentes peonís e procurar percorridos adaptados.
Tamén se renovará a pavimentación da praza e do camiño ao Pazo da Cruz, instalarase novo mobiliario -banco, papeleira, fonte e xardineiras-, drenarase a auga de choiva e corrixiranse impactos paisaxísticos.
Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado Plan Hurbe, que, como lembrou Ángeles Vázquez, é un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.
Nesa liña, cómpre subliñar que, grazas aos acordos de cooperación asinados no marco do Plan Hurbe, desde o ano 2010 se mobilizaron ao redor de 165 millóns de euros para financiar máis de 415 intervencións urbanísticas. De feito, o concello de Covelo xa levou a cabo a mellora do parque público da Maceira ao abeiro desta liña de financiamento.