O alumnado do IES A Sangriña participou no programa Erasmus + KA210 con intercambios internacionais
Alumnas e alumnos de diferentes países europeos visitaron A Guarda ata este domingo
O IES A Sangriña participou durante esta pasada semana nun programa Erasmus + KA210 chamado "Digilinc". Segundo indican dende o Concello da Guarda, trátase dun proxecto internacional de inclusión social que pretende tamén protexer a nosa lingua i expresións culturais por medio da dixitalización. O programa, que foi aprobado pola Unión Europea de xeito meritorio, reuniu a diferentes institucións colaboradoras: o Käthe-Kollwitz - Berufskolleg (Alemaña), o I.I.S. Alberti (Italia), o Falez Mesleki ve Teknil Anadolu Lisesi (Turquía) e o propio IES A Sangriña da Guarda.
Grazas a este proxecto, coordinado dende o centro polos docentes Teresa Álvarez, Gema Alonso e Juan Vázquez, co apoio do profesorado local e estranxeiro, o alumnado dos ciclos formativos de Informática, de Administración e Xestión e de Secundaria aprenderon durante dez días sobre as distintas culturas dos alumnos visitantes alemáns, italianos ou turcos.
Neste tempo, e ata o pasado domingo 1 de outubro, os alumnos e alumnas da Guarda acolleron aos seus compañeiros doutros países nos seus fogares e compartiron con eles unha serie de actividades lingüísticas (presentacións, vídeos, xogos de pistas) e visitas culturais a empresas e a espazos da nosa contorna (visitas guiadas polo casco vello da Guarda, sendeirismo polos Muíños do Folón e do Picón, paseo en batiscafo pola ría de Arousa ou a propia visita á catedral de Santiago de Compostela).
Visitas e colaboracións institucionais
Pero as actividades desenvolvidas non terían o mesmo carácter sen a axuda e colaboración dos membros de organizacións locais, como Avelaíña, a residencia Monte Sta. Tecla, a adega Terras Gauda ou o mesmo Concello da Guarda. As delegacións tiveron o privilexio de explorar a beleza do Baixo Miño a través de visitas guiadas e rutas de sendeirismo, todo grazas ao xeneroso apoio do Concello de A Guarda.
Ademais, a experiencia enriqueceuse coa colaboración desinteresada de Terras Gauda, unha adega de recoñecemento internacional, que abriu as portas dos seus viñedos para desfrutar dunha experiencia única de degustación e dunha fascinante radiografía do mundo do viño. O máis especial da semana veu da man de Avelaíña, xa que os agasallos para os visitantes foron deseñados polos talentosos nenos da organización, nenos con necesidades especiais que deixaron unha pegada inesquecible nos visitantes.
Este itinerario en A Guarda representa a segunda mobilidade das catro que inclúe o programa, tras a visita a Antalya no pasado mes de maio, e terá a súa continuación a vindeira primaveira en Alemaña e o próximo outono en Italia, con máis proxectos e actividades. Todo, co gallo de que o respecto e a inclusión sexan fíos condutores no diálogo cultural e na loita por un mundo sen fronteiras.