Vermú con SER
Sociedad | Actualidad

Mar Barral, a artesá que emociona ao mundo coas súas obras de cerámica

Natural de O Carril, ten recoñecidas dúas cartas de artesanía: a de cerámica e a de complementos de moda e o seu obxectivo é abrir ao público o seu obradoiro na parroquia de Abalo

Vermú con SER - Mar Barral, a artesá que emociona ao mundo coas súas obras de cerámica (05/11/23)

Na visita que facemos ao obradoiro da artesá Mar Barral acompáñanos a choiva, o vento e o frío. Mar é orixinaria de O Carril aínda que dende fai uns dez anos ten a súa base de operacións na parroquia de Abalo, no Concello de Catoira, ao carón dos Muíños de vento de Abalo. Rodeada de natureza e afastada dos ruídos da cidade non só ten o seu espazo de traballo senón que tamén reside nesta parroquia desde a que se pode divisar a inmensidade da Ría de Arousa.

Mar Barral é unha muller chea de vitalidade e sempre con ganas de afrontar novos retos. Licenciada en Maxisterio, no ano 1992, preparou unhas oposicións educativas na nosa comunidade que finalmente foron desconvocadas. O escándalo incluso chegou aos tribunais. A non celebración destas oposicións foi un episodio desconcertante para ela e para centos de opositores, pero o que Mar Barral non sabía, e que nese intre entraría en contacto coa cerámica que cambiaría a súa vida. Fixo un curso de cerámica do plan FIP en Vilagarcía e partir de aquí comezou a recibir chamadas de colexios, asociacións e tamén do Servizo de Prevención e Asistencia a Drogodependentes. A súa vida, polo tanto, nunca estivo desligada da docencia. No ano 1995 abriu o seu primeiro obradoiro.

As súas primeiras pezas foron agasallos institucionais. Recorda que Alberto Blanco, compañeiro de carreira e organizador da Basket Cup de Vilagacía, encargáralle os trofeos de cerámica que logo chegarían as mans dos gañadores do afamado torneo de baloncesto. Daquela había moi pouca información do apaixonante mundo da cerámica. Mar Barral considera que mais que un obradoiro ten un “laboratorio de ideas” no que traballa e formase continuamente. “Artesanía de Galicia” tenlle recoñecidas dúas cartas: a de cerámica e a de complementos de moda.

A técnica xaponesa do “rakú” e a impresión botánica

No seu obradoiro case todos os instrumentos de traballo son manuais, pinceis, pas, moldes… agás unha laminadora. As técnicas empregadas por esta carrilexa considerada unha das mellores ceramistas galegas, son varia, pero unha delas chama moito a atención. Mar emprega a técnica xaponesa do “rakú” para as súas creacións, ademais de ser pioneira na impresión botánica.

Imos por partes. A técnica do “rakú” empregase sobre todo para trofeos deportivos pero tamén para esculturas. As pezas introdúcense nun dos dous fornos que ten e sácanse ao vermello vivo a unha temperatura de 900 º, un método para o cal é necesario ir protexido con mascariña, luvas e roupa de coiro especial. Outros produtos que teñen moita saída son os baleirados de porcelana con formas de ameixa, berberechos, mexillóns e, como novidade, lapas. A súa tenda virtual pódese visitar en www.marbarral.com.

Traballadora incansable, como sinalabamos anteriormente asumindo novos retos, Mar é pioneira en Galicia en impresión botánica en tecidos e en cerámica. Falamos do “ecoprint”, unha técnica que consiste na utilización de pigmentos naturais de follas e flores para estampar en tecidos e conseguir reproducir a forma das follas ou pétalos sobre estes tecidos. Este resultado tamén se consigue en cerámica ou en vaixela. A técnica do “ecoprint” utilízase nun proxecto que vincula directamente co Camiño de Santiago.

En colaboración cunha empresa de viaxes, durante o traxecto do Camiño Portugués os peregrinos recollen flores e follas sen saber o motivo de porque o fan. A empresa trasládalle a Mar Barral todo o material e ela prepara un paquete con un pano personalizado do Camiño de Santiago.

O obradoiro de Mar Barral está en constante evolución como esta profesional que leva sempre no corazón o seu Carril natal. Mar Barral fai maxia coa cerámica, espállaa polo mundo e emociona a cada persoa que recibe unha das súas obras. Dende aquí, moito éxitos!