Presentado o proxecto de rehabilitación integral da casa reitoral de Montemaior
Acollerá un albergue xuvenil e un espazo de usos socioculturais
A Laracha
O proxecto está promovido polo Concello da Laracha e será financiado a través do Fondo de Cooperación por medio dun préstamo sen xuros a devolver en oito anos. O obxectivo e que a casa reitoral de Montemaior se transforme nun espazo multifuncional que acolla actividades e un albergue xuvenil con 25 prazas.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a vicepresidenta segunda da Xunta de Galicia e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentaron este luns o proxecto que está valorado nun total de 712.808,10 euros e financiarase a través do Fondo de Cooperación impulsado pola a Xunta de Galicia, consistente nun préstamo sen xuros a devolver nun período de oito anos.
O histórico inmoble, que se atopa sen actividade desde hai tempo, foi cedido ao Concello polo Arcebispado de Santiago por un período inicial de 29 anos coa fin de ofrecerlle novos usos de interese xeral comunitario.
A xunta disporá o vindeiro ano de 20 millóns de Euros para conceder préstamos sen xuros a concellos de menos de 50.000 habitantes para rehabilitar inmobles municipais.