A alcaldesa de Antas de Ulla acusa ao anterior goberno de desvío de fondos
Pilar García Porto denuncia que herdaron unha débeda dun millón e medio de euros
Antas de Ulla
A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, fixo pública a situación das arcas municipais tras o cambio de goberno despois das eleccións locais. Denuncia que os seus predecesores deixaron unha débeda que supera o millón e medio de euros, nun concello de menos de dous mil habitantes: "Supón o 75% do orzamento anual", asegurou.
García Porto accedeu á alcaldía de Antas de Ulla despois das municipais, no primeiro cambio de goberno no municipio, que dende a democracia só tivera corporacións conservadoras. A socialista susitutíu ao popular Javier Varela, que levaba 25 anos na alcaldía, e ao que acusou dunha xestión "opaca, neglixente e caótica".
Califica a situación como "extremadamente grave", e asegura que se intensificou especialmente "nos últimos seis meses antes das eleccións", e incluso nas dúas semanas "entre que perderon as eleccións, e se conformou a nova corporación".
Desvío de fondos públicos
O máis grave, segundo destacou, é o referido a unha axuda de 816.000 euros procedentes de fondos europeos para reformar a Casa da Cultura. García Porto dá conta de que o se recibiu o ingreso por tal cantidade o 27 de decembro do 2022, e nos seis meses seguintes o diñeiro destinouse a pagar facturas que non tiñan relación coa intervención subvencionada.
Porto refírese a esta actuación directamente como un "desvío de fondos públicos". Engade ademais que se fixo "en época preelectoral, polo que a neglixencia foi absoluta”.
A situación á que se enfrontan agora é que non hai diñeiro para acometer as obras e xustificar a axuda europea, nin para devolvela. A rexidora asegurou que a súa intención é "ser valentes" e intentar conseguir os recursos para poder levar a cabo unhas obras que considera "moi necesarias".
A maiores "dese pufo de 816.000 euros que nos deixou", explicou que haberá que refacer o proxecto técnico que deixou a anterior corporación para a remodelación do edificio, porque non se adecúa aos criterios subvencionables, o que requerirá outros 277.000 euros. Ademais hai que sumar un aumento referido ao IVE, que estaba "mal calculado" porque "poñían o 10% cando o que corresponde é o 21%".
Pagos pendentes
A alcaldesa desglosou algúns dos pagos sen facer, entre os que se contan 75.000 euros pendentes de desembolsar polo subministro enerxético, e outros 300.000 que varias sentencias xucidiais obrigan ao Concello a abonar a empresas que recorreron á Xustiza ao non cobrar.
Explicou tamén que Sogama, polo tratamento do lixo, e o Consorcio Galego de Benestar, do que depende a escola infantil de Antas de Ulla, lle reteñen en torno a 60.000 euros ao mes ao Concello para compensar impagos coa Xunta.
Asegurou que traballan xa para sanear as contas "sen comprometer a prestación de servizos nin a viabilidade económica no futuro", e que o pago das nóminas aos empregados municipais está garantizado. Polo de agora púxose en coñecemento ao Consello de Contas de Galicia da situación do Concello.
Antía Montes
Radio Lugo