Fisterra rexistra os mellores datos históricos na chegada de Peregrinos
A previsión é superar as 26.000 Fisterranas entregadas en todo o 2023
/cloudfront-eu-central-1.images.arcpublishing.com/prisaradio/Y6EQX4O66FE2XKCPTSMRNC6W3Y.jpg)
Fisterra / Luis Cagiao
Fisterra
En pleno mes de Novembro e coa vaga de temporais que estamos pasando seguen chegando entre 30 e 50 peregrinos diarios a Fisterra. Neste momento xa se achega o número total de Fisterranas entregadas ás 25.700,. A cifra está lonxe dos máis de 438.000 que chegan a Santiago, pero supoñen un récord na fin do mundo e, dende o Albergue municipal aseguran que co incremento habitual da ponte de decembro e do Nadal, superaranse amplamente as 26.000 Fisterranas. Se a isto lle engadimos que non todos piden a credencial, o número total de peregrinos pode ser superior aos 30.000.
Segundo confirma Begoña Valdomar, hospitaleira no albergue municipal, neste 2023 notouse un forte incremento na chegada da camiñantes nos meses de abril, maio setembro e outubro, maioritariamente chegados do estranxeiro. Destaca o incremento no número de peregrinos chegados de Asia, logo do descenso provocado pola pandemia, tamén subiu o número de peregrinos chegados de Alemaña e Francia.
Outra característica dos peregrinos nesta tempada é o aumento na media de idade dos camiñantes.
Tamén é distinto o perfil en canto as distancias percorridas, os peregrinos que veñen no verán, maioritariamente empezan o percorrido en Galicia, moitos saen dende Santiago cara A Costa da Morte, pola contra os que veñen en primavera ou outono, na súa gran maioría son peregrinos que fan 700 ou 800 km.
Por outra banda, o número de peregrinos que fan a ruta en sentido contrario segue en aumento, segue sendo un dato residual, pero é significativo a tendencia nos últimos anos cun crecemento continuo desas persoas que empezan en Fisterra para rematar en Compostela.
Segundo Valdomar, a previsión é que nos vindeiros anos continúe medrando o número de peregrinos que chegan ata a Costa da Morte, aínda que para ela é máis importante traballar para mellorar a calidade, que estar tan pendentes da cantidade.