Hoy por Hoy Baixo Miño
Sociedad | Actualidad
Mestre Mateo

A Guarda acolle este xoves 16 o pase do documental “Onde máis doe” ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo

A proxección do documental dirixido por Manane Rodríguez terá lugar no Centro Cultural ás 20:30 horas

O Concello da Guarda acolle unha nova proxección ao abeiro da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais gañadores e finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.

Nesta ocasión, a veciñanza poderá asistir ao pase do filme “Onde máis doe”, finalista na categoría documentais na gala dos Mestre Mateo, nunha sesión que terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural ás 20:30 horas.

Dirixido por Manane Rodríguez, o filme, que fora estreado o pasado 2022 no OUFF - Ourense Film Festival e finalista na categoría documental nos Premios Mestre Mateo, retrata a violencia de xénero ao contar o caso de M. M., que despois de ameazar durante anos á súa ex parella, asasinou a golpes de pala ao seu fillo de 11 anos.

Un ano despois un xurado popular condenouno por asasinato e determinou que o crime buscaba castigar á nai. Manane Rodríguez asume a dirección e o guión neste filme producido por Xabier Bermúdez que conta coa música de Nani García.