O concello de Salvaterra de Miño prepara os actos cos que reivindicar o Día Internacional da Violencia contra a Muller
No IES Salvaterra de Miño volverá celebrarse o Concurso de Slogans do 25N
O 25 de novembro é o día Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller e con tal motivo, a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Salvaterra de Miño prepara os actos que conmemoran esta data "tan importante" do calendario, indican nun comunicado.
Entre as diferentes accións que se levan a cabo durante todo o ano e con motivo de tal día, destacamos o Concurso de slogans dirixido ao alumnado do IES Salvaterra de Miño que neste 2023 chega a súa decimoterceira edición xa. A través do Programa de Educación e Intervención Familiar do Departamento de Servizos Sociais convócase este certame para concienciar e educar ós adolescentes na loita contra esta lacra que é a violencia de xénero.
O concurso de slogans busca que a poboación máis nova transmita a súa mensaxe e posicionamento cara os malos tratos. Unha iniciativa enmarcada dentro das accións de concienciación e de sensibilización social, coa que despois se fai unha difusión destas mensaxes por medio dunha campaña e material de publicidade. En tódolos soportes sempre figura, ademais do slogan, os recursos e lugares a onde se pode dirixir unha vítima de malos tratos. O lema gañador será o que apareza no material que se prepara como son uns marcapáxinas que inclúen o slogan gañador ademais dos recursos e teléfonos a onde se dirixir, para abordar esta lacra social.
Nesta edición os premios serán catro, tres deles valorados en 50 euros canxeables por material educativo, deportivo, roupa ou música; e un primeiro premio que consistirá nun vale de 150 euros canxeables do mesmo xeito ademáis de que o seu lema forme parte da campaña de sensibilización e prevención do vindeiro ano.
O Concello de Salvaterra segue deste xeito traballando na prevención deste tipo de violencia e, ao abeiro da subvención do Pacto de Estado do Ministerio de Igualdade do Goberno de España, co que se desenvolven diversas accións durante todo o ano, incluíndo a que aquí se presenta.
Tal e como fixemos en anos anteriores, na Praza do Concello teremos unha concentración e minuto de silencio con fin de visibilizar e unirnos todos e todas nesta loita e así dar voz a un grave problema da sociedade. Esta concentración acompañada da lectura do manifesto será o venres 24 de novembro ás 12:00 horas e invitamos a todas e todos a acompañarnos.
Durante toda a semana no consistorio ademáis colgaranse as pancartas que visibilizan a finalidade deste día. O noso maior desexo, indican dende o Concello, é que algún día non teñamos que conmemorar datas como ésta e que por fin a violencia quede erradicada da nosa sociedade.