Sociedad | Actualidad

De "cibercarracho" a "feitiño": cal debe ser a palabra do ano 2023?

A Real Academia Galega abre a votación na súa páxina web ata o vindeiro 25 de decembro

Cibercarracho / Halfpoint Images

Santiago de Compostela

Cibercarracho, cooficialidade, biodiversidade, dereitos humanos, educación emocional e feitiño son as seis palabras que este ano competirán por convertérense na 'Palabra do ano 2023' en Galicia. Ata o vindeiro 25 de decembro ás 23:59 horas, a Real Academia Galega ten aberta a votación para que elixamos a nosa opción favorita a través do Portal das palabras da RAG e a Fundación Barrié.

A preocupación polo impacto do ser humano no medio explica que figue como finalista o termo biodiversidade que "evoca nos últimos tempos dende as mobilizacións en Galicia contra grandes parques eólicos que poden ameazar o medio natural e social local ata o gran desafío mundial que supón o cambio climático, dúas preocupacións reiteradas na fase de recolla de suxestións", segundo informa a RAG.

Outra finalista é cooficialidade, palabra que designa aquilo que é oficial noutra realidade "e que no noso contexto aplicamos ao conxunto de linguas que comparten oficialidade". Galegos e galegas tamén votaron por termos como cibercarracho que, segundo a Real Academia Galega, está ganando enteiros para facer referencia á persoa que "comete un delito por medio das tecnoloxías da información e a comunicación", é dicir, un ciberdelincuente. Pola súa banda, cibercarracho fórmase "a partir do prefixo ciber-, que resulta do acurtamento de cibernético e o substantivo carracho, que nomea o arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata".

Sen dúbida vai ser dura a loita entre esta última e feitiño, voz tradicional do galego de uso moi extendido que, fronte a formas que poderían chamarse pseudogalegas como riquiño/a, tamén se refire dende o léxico patrimonial a aquela persoa da que queremos destacar as súas virtudes morais ou físicas.

En edicións anteriores, a votación popular proclamou como 'Palabra do Ano' os termos comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado (2015) e corrupción (2014).

Lara Salgado

Redactora en Radio Galicia desde septiembre de...