A Casa Museo Picasso inaugura a mostra "1891-1895. Picasso na casa" sobre a súa estancia na Coruña
O Festival Muller á Escea leva este ano ás mulleres artistas a Carral e Cambre

Pablo Picasso

A Coruña
A Casa Museo Picasso da Coruña inaugura esta tarde, ás 19:30 horas, a mostra colectiva "1891–1895. Picasso na casa", comisariada por Manel Cráneo, na que participan 20 profesionais do debuxo coruñés. A exposición componse de diversas microexposicións de banda deseñada, ilustración e animación, todas elas inspiradas na estancia do mozo Pablo Ruiz Picasso na cidade da Coruña.
Un dos proxectos destacados é "A Cidade das Pombas", con guión de Manuel López Poy e debuxos de Rubén Rial, que ofrece unha dramatización baseada nas vivencias e primeiras experiencias do pequeno Picasso na cidade herculina.
Pola súa banda, a Deputación da Coruña organiza unha nova edición do festival Muller á Escena, que este ano se celebrará en Carral e Cambre durante os meses de xaneiro e febreiro. Esta proposta cultural pon en valor o traballo das mulleres creadoras mediante exposicións, espectáculos teatrais, pezas audiovisuais e charlas divulgativas.
O comisario do festival, Xosé Leis, destacou o evento como “un escaparate de referentes para as mulleres artistas”. Pola súa parte, a deputada de Igualdade, Soledad Agra, salientou a combinación de artistas emerxentes e consolidadas, que achegan “unha diversidade de olladas sobre a invisibilización das mulleres nos espazos artísticos”.
As actividades de xaneiro desenvolveranse en Carral, con temas como o “bo trato” ou o papel da muller na industria audiovisual. Hoxe, ás 20:30 horas, Isabel Risco presenta o espectáculo "Bravas" no local Xente Nova de Tabeaio. En febreiro, os actos trasladaranse a Cambre, onde se centrará na creación plástica, a dirección de cine e a literatura desde unha perspectiva feminina.




