Xabier Domínguez: “Este mes lanzamos o primeiro libro de poesía dirixido á infancia”
Os autores e mestres Xabier Domínguez, Alba de Evan e Miguel Alonso crearon Antela Editorial
Entrevista con Xabier Domínguez de Antela editorial
Ourense
Antela Editorial naceu da man de tres autores, que tamén son mestres, e querían dar oportunidades a “proxectos que era unha mágoa que non saíran adiante”. Así, no 2020 decidiron dar un paso adiante e montar esta pequena editorial na Limia.
Con perspectiva educativa, ofrecen distintas opcións literarias na súa web que pasan por ofertas para primeiros lectores, novelas e banda deseñada infantoxuvenil, explica Domínguez. Ademais, apostan fundamentalmente por propostas en galego. A compra de moitas desas obras teñen, ademais, unha pegada solidaria.
Entre as novidades, “este mes lanzamos o primeiro libro de poesía”. Un proxecto que os mantén ilusionados, ao igual que o feito de que dous títulos de banda deseñada van ser traducidos a outras linguas. Nesta liña, fai tres días, presentaban o traballo que están a desenvolver dende Antela Editorial, situada en Vilar de Barrio.