Sociedad | Actualidad

"Cunqueiro é á vez un autor moi mindoniense e moi internacional"

Claudio Rodríguez Fer pasa de "cunqueiriano de oficio", como el se define, a 'Cunqueiriano de honra'

Claudio Rodríguez Fer, 'Cunqueiriano de honra', enxalza a universalidade do autor mindoniense

Claudio Rodríguez Fer, 'Cunqueiriano de honra', enxalza a universalidade do autor mindoniense

06:26

Compartir

El código iframe se ha copiado en el portapapeles

<iframe src="https://cadenaser.com/embed/audio/460/1709126726881/" width="100%" height="360" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>

Lugo

A distinción 'Cunqueiriano de Honra' outorgada pola Casa Museo Álvaro Cunqueiro e o Concello de Mondoñedo recoñece nesta edición do ano 2024 o labor de estudo e difusión da obra do autor de ‘Merlín e familia’ desenvolvido polo escritor e profesor na Facultade de Humanidades da USC Claudio Rodríguez Fer.

O poeta, escritor e profesor na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, que tamén é director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, recibiu no consistorio mindoniense o título de 'Cunqueiriano de Honra 2024', que recoñece a súa longa e vizosa traxectoria de estudo e difusión da obra de Álvaro Cunqueiro. Destaca tamén a súa contribución á visibilización e proxección galega e internacional da figura e do legado do autor, entre outras obras, de ‘Merlín e familia’.

Para Rodríguez Fer supón completar un círculo, porque foi nun 28 de febreiro, pero de 1981, o día do falecemento do escritor mindoniense, cando escribiu o seu primeiro texto sobre el. Dende ese momento converteuse en "cunqueiriano de oficio", como el mesmo se define, e elaborou máis de corenta escritos resultado dunha labor de estudo incansable.

O que máis lle interesou dende sempre da obra de Cunqueiro é "a súa conexión co vangardismo poético do primeiro terzo de século". Claudio Rodríguez Fer, que leu toda a súa obra, comenta que é a esa parte á que sempre acaba volvendo.

Autor universal

Esta labor de investigación compaxinouna cun traballo de divulgación que o levou a falar de Cunqueiro a lugares como París ou Nova Iorque. A recepeción que tiveron persoas de todo o mundo aos escritos do autor de Mondoñedo foi sempre moi boa, e para el a demostración de que é un artista moi vinculado á terra, pero á vez universal.

"En todas as miñas viaxes vin sempre unha aceptación enorme e internacional ó que eu contaba de Cunqueiro", relata. Isto levouno a concluir que "é un autor moi galego, moi mindoniense, pero tamén moi universal porque conecta con referencias a culturas de todo o planeta, incluso a asiática".

Na súa intervención, á hora de recibir o recoñecemento, quixo centrarse precisamente "nos dous extremos da súa obra". Explica que na súa mocidade, Cunqueiro creou "nada menos que unha oficina lírica en Mondoñedo, que foi un foco de vangarda editorial", compaxinando dous perfís: "O dun micro Cunqueiro, moi apegado á terra, e un macro Cunqueiro, capaz de ser universal".

Todo isto fíxoo ademais, segundo explica o profesor da USC, a unha idade moi temperá, ao longo da vintena. A Rodríguez Fer impresiónao que sendo tan novo, e "sendo Mondoñedo un lugar tan afastado", conseguise "colocar a localidade, no corazón da Mariña, no ollo do furacán da creación de vangarda, e ao mesmo tempo que a vangarda máis avanzada estivese tendo lugar no corazón da Mariña".

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00