María Barcala: "Entendo o teatro como un servizo á cidadanía"
A actriz recibe o premio de honra Marisa Soto 2024 cunha "emoción moi forte" e xusto nun parón profesional, logo de 45 anos de traxectoria
María Barcala recibe o premio de honra Marisa Soto
Santiago de Compostela
Cando María Barcala chegou "non había nada". A actriz é unha pioneira do teatro; forma parte desa xeración que levantou a infraestrutura da escena galega e contribuiu á súa profesionalización. Así llo recoñece a Asociación de Actores e Actrices de Galicia: "Sen María Barcala, a nosa escena non sería". Unhas palabras que resumen os moitos motivos que hai detrás da decisión da xunta directiva da asociación de concederlle o premio de honra Marisa Soto 2024. Barcala recíbeo con "moito agradecemento". "É algo moi lindo porque quen o entrega son os meus colegas e isto provoca unha emoción moi forte", sinala.
Este recoñecemento chégalle nun "impás" logo de 45 anos de traxectoria, traballando sen parar. Cofundadora da compañía Teatro do Atlántico, agora quere reconectar coa súa "nena interior" e, malia que vive centrada no presente, imaxina un futuro vinculado ao teatro, pero só como actriz, sen as cargas da produción e outras tarefas das que sempre se ocupou.
O vindeiro xoves celebrarase a gala dos premios María Casares, no teatro Rosalía de Castro da Coruña. Estará dirixida por Sara Fandiño e renderá homenaxe ao teatro musical. 19 espectáculos compiten como finalistas.