Ocio y cultura

O Carballo Interplay festexa 11 anos sendo o epicentro da creación dixital galega

A ubicación nesta edición será o Mercado de Carballo. Pasarán polo festival shows de gran popularidade como Maldito Bollodrama, o cómico Xavi Daura ou Carolina Iglesias con Laura Márquez, no seu primeiro espectáculo en directo xuntas

A Coruña

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay prepárase para festexar a súa undécima edición entre o 4 e o 7 de abril en Carballo. Como novidade a ubicación das actividades e proxeccións será no Mercado da vila. Ademais, toda a programación é de balde.

O festival centrado no eido audiovisual e dixital repartirá ata 6.000€ en premios, dende a Sección Oficial de Webseries ata o novo premio a Mellor Creador e Canle de Contido Audiovisual en Galego, para o que están seleccionados 10 finalistas que presentarán os seus proxectos durante o festival.

Os podcast máis populares en directo

Podcast en directo, monólogos e seccións clásicas do festival como Código Fonte Audiovisual son algunhas das actividades coas que o evento trae a Galicia algunhas das voces do eido dixital máis coñecidas. A galega Carolina Iglesias volve a Carballo coa cómica Laura Márquez e chegan a Galicia os directos dos podcast Maldito Bollodrama e Pena y Pánico. Xavi Daura tamén presentará por primeira vez na comunidade o novo stand up “XD”. Todos os espectáculos serán de entrada libre ata completar capacidade.

Cinco estreas galegas nunha programación internacional

O CIP tamén acollerá a estrea de “A moza que abortou e o contou”, o proxecto gañador na pasada edició ao premio a Mellor Proxecto de Serie Web, cunha cuantía de 3.000 € que permitíu a producción da serie. A protagonista da historia é Cora, unha moza que decide contar a súa familia que abortou, durante un encontro no Nadal, desatando debates e contradiccións que a súa irmá pequena grava co teléfono. Dirixida por Eire Cid e Rosalía Quiroga proxectarase o xoves 4 de abril ás 20:00 no Mercado de Carballo.

Sección oficial

Entre as web series internacionais da Sección Oficial do Carballo Interplay atópanse proxectos de Canadá, Arxentina, China, Francia, República Checa, Colombia, Corea, Dinamarca, Australia ou Kazajstan. Ademáis, 5 web series galegas presentaranse por primeira vez ao público: Nómades, dirixida por Marta Insua; Poscoito, de Héctor Rodríguez; Pulp Air, de Anita Pico e Rent-a-pal de Irene Pin. As proxeccións divídense en catro bloques en base á súa temática.

O talento galego na apertura do festival

Como parte da súa labor de apoiar e conectar os novos talentos da rede contará con shows en directo de programas como Exército Mekemeke, videopodcast nominado aos Premios Ondas do Podcast na categoría de Mellor podcast en lingua cooficial; o podcast de tertulia cultural Café Derby 21- no que participarán Pablo Meixide, Blondiemuser, Lidia Veiga, Rodri Míguez e Paula Jorge - e unha Videoregueifa entre dúas das creadoras de contido en redes máis populares do ecosistema galego, Sara Seco e Malva.

Un espazo de debate e ideas para os profesionais do sector

O Carballo Interplay segue a liña de actuar como altofalante das novas tendencias e formatos na rede dando voz aos protagonistas. Na xornada do sábado 6 de abril terán lugar tres mesas redondas para falar da “nova internet” co activismo e a política como temas centrais sobre os que falarán algunhas das voces máis recoñecidas do panorama estatal dixital como Alán Barroso, Ainhoa Marzol, Alba Lafarga ou os creadores de contas como Policía del Afecto ou @afirmacion.es.

Na Zona Pro, un espazo de reflexión e xuntanza no que voces relevantes do mundo dixital e audiovisual conversarán sobre temas de actualidade e tendencias nestes eidos. Falarase do éxito da rexouba e a nostalxia na rede cos xornalistas Juan Sanguino, Raquel Piñeiro e Anxo F. Couceiro, do estado dos podcast e web series co investigador e director de Estación Podcast Nacho Gallego e co cineasta Joël Bassaget. O lanzamento de OTT nas televisións autonómicas CRTVG e EITB, de Euskadi será outro. Ademais, durante a tarde os asistentes poden participar nun obradoiro de creación dixital da man de Pol Mallafré, de Mockudrames. Os interesados en asistir poden inscribirse de balde no formulario dispoñible na páxina web do festival.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00