ADEGAL solicita usar drons para tratar os cultivos nas parcelas asolagadas da Limia
A presidenta do asociación de gandeiros e agricultores da Limia, M. Teresa Joga, pasou polos micrófonos de Radio Limia
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
ADEGAL solicita usar drons para tratar os cultivos en parcelas asolagadas
Xinzo de Limia
O tempo solleiro chegou á comarca da Limia, porén as chuvias das últimas semanas deixaron os campos anegados. Dende a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia calculan que "do cereal de inverno, na mellor das circunstancias, ao mello pode salvarse un 5%".
A presidenta da asociación, María Teresa Joga, explica que aínda que o tempo sexa establ, e nas vindeiras semanas "precisaríamos un periodo de quince, vinte días para poder proceder á sementeira do cereal de primavera". Un cereal de ciclo moito máis curto, de produción inferior ao cereal de inverno e que, en circunstancias normais, se recollería en xullo. Non obstante, este ano, retrasaríase até o mes de agosto. Entenden que os agricultores "que decidan sementar este tipo de cereal, tamén teñen a colleita perdida".
Para ADEGAL o dilema pasa por non sementar as parcelas declaradas na Política Agraria Común para sementar o cereal, arriscando ás consecuencias de incumprir, ou entón proceder a sementar sabendo que "vamos ter uns custos, que non vamos ter un beneficio". A semente do cereal e a suba dos hidrocarburos supoñen un condicionante neste proceso.
Alén do impacto das chuvias no cereal e na pataca, os gandeiros tamén se poden ver afectados no ensilado da herba, como aconteceu o ano pasado. Desta volta esa ensilaxe vai con retraso "isto vai provocar que cando se leve adiante o labor, irá fóra de prazo e implicará perdas económicas de cara ao próximo ano, que será cando consuman a herba que teoricamente xa debería estar en almacenado", afirma Joga que advirte que se están a dar perdas millonarias no tecido agrícola e gandeiro da Limia.
Ademais, dende ADEGAL reiteran unha demanda xa formulada o pasado ano: a implementación de drons para acceder ás parcelas asolagadas para aplicar os produtos fitosanitarios. Neste sentido, a asociación está traballando nun informe coas perdas estimadas do cereal e tamén nun listado de produtos fitosanitarios que se poderían aplicar mediante drons. Para este fin consultaron a distintas empresas. Informes que serán entregados á consellería de Medio Rural.




