Guadi Galego: "Unha multinacional de celulosa pode cargarse un país e unha empresa pequena, revalorizalo; na música pasa igual"
A artista mostrará o seu Síntese no Teatro Colón este domingo
Entrevista a Guadi Galego (31/05/2024)
14:44
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
<iframe src="https://cadenaser.com/embed/audio/460/1717240995406/" width="100%" height="360" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>
A Coruña
Guadi Galego mostrará o seu Síntese Horizonte no Teatro Colón da Coruña este domingo nun concerto que forma parte do ciclo Coa nosa voz, do que tamén forman parte Uxia, Uxia Pedreira ou Antía Muíño e que está organizado pola Deputación da Coruña.
A artista de Cedeira fará un repaso dos seus 25 anos sobre o escenario no que incluirá temas do seu último LP Roibén. “Non tiña claro o nome, pasei por moito e un día cunha compañeira da posta en escea saiu. Díxenlle: 'algo coma síntese, horizonte'; o resumo desa fronteira que non ten límite. E ela contestou: ese é o nome".
Guadi estivo en Hoy por Hoy A Coruña onde reflexionou sobre a súa traxectoria. “Quedo cunha frase: aprender a desaprender, con non terme quedado nunha postura cómoda na profesión. Non son a mesma Guadi de hai 10, nin 15 anos, e quero seguir buscando ou que me represente e que me faga feliz”, subliñou.
Goza moito da liberdade que lle ofrece manterse á marxe da industria, porque é das persoas que pensan que as cousas se poden facer doutra maneira: “A industria é algo alleo a min, a musical é como calquera tipo de industria, ti podes mercar nun Carrefour ou nunha tenda de proximidade. Eu creo que hai xeitos de facelo distinto, que precisamos facelo diferente porque na industria nós xa non entramos, e as que están moitas veces están nuns niveis de precariedade moi duros, e para as mulleres máis aínda. Unha cousa é a industria, outra a cultura e outra que non todas teñamos que ir polo mesmo rego. Podemos estar a pensar nunha multinacional de celulosa que se pode cargar un país, ou en empresas máis pequenas que o revaloricen”.
A galega demostrou esa actitude de procura e liberdade creativa ao longo de toda a súa traxectoria, que agora mostra sobre o escenario rodeada de bos amigos: “No concerto do domingo haberá algunha sorpresa que non quero desvelar, sempre que podo fago algunha”.
Sobre a cita na Coruña, Guadi apunta que lle custa que a programen en cidades grandes como a Coruña e Vigo, agradece que a Deputación deseñase este ciclo, agradece que haxa quen ten ganas e forza para programar cultura independentemente da rendibilidade económica, incide en que hai un traballo que só se pode levar a cabo a través das administracións e con diñeiro público e recoñece que se sente afortunada de estar nel e subirse ao escenario do Teatro Colón nunha cita para a que traballou moito e cuxas entradas de balde esgotáronse en horas. Sobre este último punto, Guadi Galego fai un chamamento na entrevista: "se non podes ir doa a quen poda ir, entendo que é fácil coller as entradas e non ir. Se o deciden así, de seguro atoparán algún amigo ou amiga ó que lle apeteza”.