Marcos Argibay: "As Vestalias honra a relevancia da muller na historia e na actualidade"
O presidente da Asociación Civitas Limicorum comparte en Radio Limia a programación deste evento de recreación histórica que se celebrará o sábado
Entrevista con Marcos Argibay, presidente da Asociación Civitas Limicorum, sobre As Vestais
Xinzo de Limia
Xinzo de Limia acollerá o sábado 8 de xuño a primeira edición de `As Vestalias´ na praza Maior. Trátase dunha xornada de recreación histórica organizada pola Asociación Civitas Limicorum en colaboración co Concello de Xinzo de Limia.
As Vestalias eran unha festa importante na antiga Roma dedicada a Vesta, a deusa do fogar, cuxo culto estaba centrado na conservación do lume sagrado. Este festival honraba ás Virxes Vestais, encargadas de manter este lume e desempeñar rituais que aseguraban a protección e a continuidade da cidade. O presidente da Asociación Civitas Limicorum, Marcos Argibay afirma que este evento "honra a relevancia da muller na historia e na actualidade".
Ademais, pasou polos micrófonos de Radio Limia para compartir con nós a programación na que un dos momentos máis esperados será ás 21:00, co espectáculo “Magna Vestae”, que mesturará impresionantes exhibicións de lume e acrobacias.
O programa da noite comezará ás 20:00 horas cun desfile de escolta romana das Vestais, seguido ás 20:15 por interpretacións da Banda Achicoria con marchas romanas. Ás 20:30, celebrarase o acto central denominado “Vestalias”, no que participarán as Vestais da Civitas Limicorum e as chegadas de Asturica Augusta. A continuación, ás 20:45, terá lugar unha cerimonia de iniciación para unha nova vestal, destacando o compromiso continuo coa tradición e a cultura.
Ademais, comeza a conta atrás para a xa consolidada Festa do Esquecemento. Este ano, chega á súa vixesimocuarta edición que se celebrará os días 23, 24 e 25 de agosto.