A RAG sube á rede o fondo da familia Calvet, fundadora do Dépor, no Día Internacional dos Arquivos
Inclúe imaxes do ximnasio fundado en 1902 na rúa Galera, no que se creou o equipo


A Coruña
A Real Academia Galega vén de subir á rede o fondo da familia Calvet, fundadora do Dépor, con case 700 documentos que abranguen desde o século XIX ata o segundo terzo do século XX. A colección inclúe imaxes do ximnasio que o patriarca da familia, Federico Fernández Calvet, fundou en 1902 na rúa Galera. Unhas instalacións que se converterían no xerme do Deportivo da Coruña. As fotografías e os recursos poden consultarse en Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia.
Federico Fernández Calvet chegou a ser presidente do Colexio de Peritos Mercantís, pero é lembrado pola creación daquela sala de esgrima e ximnasio na rúa Galera que propiciou o nacemento do equipo de fútbol. Nun principio, o club chamouse Club Deportivo de la Sala Calvet, pero en 1911 pasou a denominarse Real Club Deportivo de La Coruña.
O seu fillo, Federico Fernández Sar, foi socio fundador do Deportivo, presidente da Federación Galega de Fútbol, vicepresidente da Xunta de Obras do Porto, profesor da Escola de Comercio e de Náutica, e conselleiro de varias empresas.
Esta acción da RAG coincide coa celebración do Día Internacional dos Arquivos e permite coñecer o modo de vida dunha familia acomodada da Coruña que tivo unha gran relevancia no desenvolvemento da actividade burguesa e mercantil da época. O fondo está composto por 693 documentos que foron sometidos a un complexo proceso de dixitalización.




