Hora 14 VigoHora 14 Vigo
Sociedad
Premios Xerais 2024

Marta Villar, Raquel Fernández Fernández e Abel Tomé son os gañadores da edición 2024 dos Premios Xerais

"Detective Ferruchi", "I’m Obélix e Milú" e "O edificio das persoas extraordinarias" son os nomes provisionais das obras gañadoras

Premios Xerais 2024

As obras cos títulos "Detective Ferruchi", "I’m Obélix e Milú" e "O edificio das persoas extraordinarias" resultaron gañadoras do XLI Premio Xerais de Novela, o XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil. As autoras dos textos son Marta Villar, Raquel Fernández e Abel Tomé, respectivamente. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.

Detective Ferruchi, de Marta Villar, Premio Xerais de Novela 2024

O xurado da XLI edición do Premio Xerais de Novela acordou declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema "Detective Ferruchi". Tras abrir a plica, a autora resultou ser a xornalista e escritora Marta Villar e o título da novela será o mesmo que o lema. A decisión foi tomada por unanimidade.

Tras moitos anos fóra, Sol Cortés regresa a Umeiro, a súa vila natal, e monta unha libraría. Poucos días despois da apertura, aparece brutalmente asasinado Xan Sequeiro, un veterinario insociable e introvertido pero a quen toda a veciñanza admiraba pola súa capacidade e sensibilidade no trato cos animais.

A investigación deste asasinato conforma o núcleo dunha trama rica e heteroxénea tecida con fíos narrativos de emoción, enxeño e intensidade. Os numerosos personaxes, peculiares e sorprendentes, interactúan con naturalidade na historia mediante uns diálogos fluídos e espontáneos onde, unhas veces con humor e outras con gravidade, van infiltrando na novela diversos temas que levan a reflexionar de forma crítica sobre os comportamentos xerais da sociedade actual. A utilización dunha voz narradora limpa e aguda consegue manter a intriga dende o comezo a través dun ton cómico e paródico pero tremendamente eficaz.

O xurado estaba composto por Celia Fernández (libreira en Espazo lector Nobel Ourense), Lucía Madarro (adestradora deportiva e bookstagrammer en @lumadoito), Asun González (graduada en Filoloxía Hispánica), Sergio Álvarez (ex futbolista e actual conselleiro do Real Club Celta de Vigo), Pedro Iturburua (profesor xubilado de Lingua e Literatura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Nesta edición presentáronse 35 obras ao premio. Ademais, o xurado recomenda a publicación da novela finalista que se presentou baixo o lema Nena de auga.

Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973) é xornalista e integrante de consello de redacción da Revista Cultural Mallas da Area, de Bergantiños. En 2020 conseguiu o Premio Tiflos de Xornalismo e resultou finalista no XLI Premio de Xornalismo Julio Camba Afundación. Foi finalista tamén nos certames de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal nas edicións de 2021 e 2022, así como no Premio de Poesía Gloria Fuertes do Concello de La Rinconada (Sevilla) de 2021. En 2023 publicou a súa primeira novela Non temerás os coches amarelos, editada en Xerais. Con Os peidos máxicos de Sultán, publicada por Xerais hai só unhas semanas, estreouse no eido da literatura infantil.

I ́m Obélix, de Raquel Fernández Fernández, Premio Jules Verne 2024

Pola súa banda, o xurado da XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora por unanimidade a obra titulada I’m Obélix, que resultou ser da autora Raquel Fernández Fernández.

O xurado estaba composto por Pedro Rodríguez Villar (xornalista e escritor), Ana Domínguez Rodríguez (bookstagrammer en @toxinhobooks), Antela Cid (actriz), Nanda Misa (costureira e contacontos), Giovanna Davila González (mestra) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. Ao premio presentáronse 34 orixinais.

I'm Obélix conta como Isma, un rapaz de 13 anos, afronta o seu primeiro ano de instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que, en principio, semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas e mesmo de certo alivio, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade do alumnado e de certo sector do profesorado.

O xurado do XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil valorou o ritmo que a autora consegue manter ao longo de toda a novela. Raquel Fernández Fernández crea unha estrutura que nos fai empatizar, sufrir e, ao mesmo tempo, sentir esperanza co protagonista, pero que tamén nos permite coñecer, e mesmo chegar a comprender, os responsables da súa situación.

O xogo con varias voces dálle, ademais, unha inmensa riqueza á narración, e introdúcenos nun mundo común para os adolescentes: o día a día do instituto. A forza do argumento, a axilidade, o manexo da lingua e as continuas referencias a cómics e videoxogos fan de I'm Obélix unha novela completa e absolutamente atractiva para a rapazada.

O xurado do XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil recomenda tamén a publicación das obras finalistas, presentadas baixo os lemas Emily e A irmá pequena.

Raquel Fernández Fernández (Nigrán, 1972). Exerce no sector da restauración como propietaria dun restaurante no Val Miñor. Escribe dende nena e é lectora voraz dende que acorda. Acadou máis dunha quincena de premios literarios. Entre os que destacan o 1o Premio das Mulleres Progresistas de Vigo, (2017 e 2019), o Certame Literario do Concello de Ames (2020, en Poesía e en Narrativa) e o 1o Premio de relatos a prol da igualdade do Concello de Melide (2021) e o 2o Premio Manuel Orestes de Poesía (2021). Resultado destes premios publicou en varias antoloxías. A súa primeira novela publicada é Contas de buxo (2024).

Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé, Premio Merlín 2024

Por último, a obra gañadora do XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil é Milú e o edificio das persoas extraordinarias, escrita por Abel Tomé. Así mesmo, o xurado recomendou a publicación da obra finalista presentada baixo o lema Lenda e Noite.

O xurado, que realizou o seu veredicto por unanimidade, estaba formado por Alba Blanco Boga (libreira da Librería Seijas), Miguel García-Fernández (historiador e bookstagramer en @lectureo), Andrea García Martínez (escritora e ilustradora), Laura Romero (ilustradora e música. Actual presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración), Victoria García (mestra e escritora) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. Ao premio presentáronse 34 obras.

Milú vive coa súa nai na cidade de Parisia, no edificio Les Marginaux, onde todos os nenos que o habitan posúen un don que os fai extraordinarios. Na mesma cidade hai tamén un grupo de persoas que cre que o país onde viven só lles pertence a elas e que os veciños de Les Marginaux non forman parte del polo simple feito de naceren noutros lugares do mundo.

Coa escusa de que o edificio está estartelado, as autoridades mandan un aviso para que se desaloxen as vivendas canto antes. Pero Milú e os outros nenos e nenas teñen un plan para tentar evitar que os expulsen dos seus fogares. A través da ollada inxenua e desbordante de fantasía do neno narrador, cun estilo cargado de lirismo e humor, unha narración rica en detalles, combinada co ritmo dunha acción ben tramada e cun mosaico de personaxes tan extravagantes coma tenros, a obra gañadora do Premio Merlín 2024 configúrase coma unha luminosa fábula social, con reminiscencias rodarianas, sobre o poder da imaxinación infantil para soñar un mundo mellor.

O optimismo e a fantasía inherentes á infancia convértense nun antídoto contra a intolerancia e o odio, e fan posible o milagre de transformar en tenrura, audacia, amor, humor e esperanza a tráxica realidade que padecen a diario multitude de persoas, vítimas das grandes desigualdades do mundo.

Abel Tomé (Outes, 1984). Estudou xornalismo. Coa súa primeira novela A Noite do Corvo (2018) é finalista no premio Illa Nova de Narrativa, galardón que consegue o ano seguinte con A Noite do Lobo (2019). Hai só uns meses resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros pola terceira parte desta triloxía, A noite do Oso. Ademais, Liliam Strawberry e o paxaro da morte (Xerais, 2023), foi a súa primeira incursión na literatura infantil, unha obra coa que xa quedara finalista do Premio Merlín en 2022.

103 orixinais

Este ano presentáronse aos premios 103 orixinais, un dos datos de participación máis altos dos últimos anos. Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios no mes de outubro, cando os libros estean xa nas librarías. O acto terá lugar o sábado 26 de outubro no Museo do Mar de Vigo.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00