O MARCO presenta a súa programación Didáctica para este verán en Vigo
Obradoiros infantís, actividades para grupos con necesidades especiais e laboratorios de arquitectura son algunhas das propostas
Cara ao mes de xullo, a área de Didáctica do MARCO presenta a súa programación especial de verán, que este ano inclúe obradoiros infantís e actividades á medida para grupos, xunto a unha innovadora proposta centrada na arquitectura e os espazos do Museo. Todo no contexto do programa ‘MARCOinclusivo’, grazas á colaboración de Fundación “la Caixa”.
Laboratorio de arquitectura
Para público infantil a partir de 6 anos, conducido por Taller Abierto e Arte&Garabato, do 4 ao 30 de xullo de 2024 e en horario de martes e xoves de 11.30 a 13.00. Nas salas de exposición e Espazo Anexo, de balde con inscrición previa que se pode realizar en recepcion@marcovigo.com e no 986 113900.
Trátase dunha serie de obradoiros sobre arquitectura, que toman como base o propio edificio do MARCO para abordar esta disciplina dende dous puntos de vista. Por un lado, transmitindo conceptos fundamentais que axuden a comprender unha materia que se percibe como complexa e excesivamente técnica, mediante unha metodoloxía creativa e lúdica, adaptada ás idades dos/as participantes. Por outro, unha vivencia do espazo que afonda nos devanditos conceptos de forma máis experimental e multisensorial, poñendo en xogo todos os sentidos.
Visitas e obradoiros para grupos
Actividades á medida para públicos de todas as idades (colectivos, asociacións e grupos con necesidades específicas), conducidos por Mª Xosé Martínez e persoal de Didáctica do MARCO, do 3 ao 31 de xullo de 2024, en horario de mércores e venres de 10.30 a 12.00 (agás 25 xullo). Nas salas de exposición e Espazo Anexo, de balde e con inscrición previa, que se poden realizar en recepcion@marcovigo.com e no 986 113900.
As mostras de Daniel Verbis, Bosco Caride, e Laía Argüelles Folch, ofrecen múltiples posibilidades de experiencias e obradoiros, a través do contacto directo coas obras en salas. As actividades, deseñadas á medida en función das necesidades e características de cada grupo, funcionan como fío condutor entre as persoas participantes e o espazo do Museo, procurando fomentar un vínculo afectivo que está na base de todo coñecemento.
Obradoiros infantís de verán
Para público infantil de 3 a 6 anos, conducidos por Mª Xosé Martínez e persoal de Didáctica do MARCO, do 3 ao 31 de xullo de 2024, en horario de mércores e venres de 12.00 a 13.30 (agás 25 xullo) e nas salas de exposición e Espazo Anexo. Os obradoiros son de balde con inscrición previa, con reserva de praza no recepcion@marcovigo.com e no 986 113900.
Nesta nova edición dos obradoiros de verán, os máis pequenos terán oportunidade de participar unha vez máis en actividades de taller, concibidas como sesións independentes, que poñen o foco nunha experiencia de aprendizaxe baseada no desfrute, e que funcionan tamén como apoio á conciliación familiar no período estival.