Rozouse a traxedia no Monte Pindo
Localizan á medianoite a catro persoas, dúas mulleres e dous menores, tras tres horas de busca
Carnota
Os servizos de rescate, encabezados polo GES de Muros, afrontaron un complicado rescate es te luns no Monte Pindo. Catro sendeiristas, dúas mulleres e dous menores, foron localizados ao fío das doce de noite e tras tres horas de busca cando xa se atopaban presas polo pánico. Unha chamada ao 112 cando xa esmorecía a batería do teléfono móbil axudou a xeolocalizar a chamada e a conducir aos rescatadores cara as vítimas.
A primeira hora da tarde as catro persoas iniciaban unha ruta polo Monte Pindo dende O Fieiro. Facíano nun dia desapacible, con orballo e coa neboa empezando a facer acto de presenza. äs nove da noite deuse a voz de alarma cando estas catro persoas non regresaban aos seus vehículos. A esa hora a brétema xa rodeaba o Monte Pindo e a visibilidade era moi limitada. Nesa situación de nervios os camiñantes tomaron unha decisión que non recomendan os expertos: dividíronse por parellas, complicando inda máis a súa localización. Cando a batería do teléfono móbil dos sendeiristas xa se esgotaba, unha chamada dende o 112 axudou a precisar a súa posición, facilitando dar coa primeira parella. Coas indicacións que deron, os participantes na busca atoparon tamén aos outros desaparecidos. Estaban totalmente ateridos polo frío, cunha molladura considerable e presos dun ataque de pánico. Cunha visibillidade case nula a esas horas, de non producirse esa chamada de teléfono, o desenlace puido ter sido ben distinto.
Jesús López, policía local de Carnota e habitual participante nestes rescates dado o seu gran coñecemento do Monte Pindo, recorda o que sempre hai que levar cando se emprende unha actividade como a de subir ao Monte Pindo. "Hai que levar comida e bebida, roupa axeitada, calzado adecuado e un teléfono móbil ben cargado". Todo o que parece obvio pero que non sempre levan na mochila todos os que nos últimos tempos foron rescatados neste paraxe natural.