Viñetas desde o Atlántico achéganos ao cómic a través do formato late night show
Do 12 ao 18 de agosto, os artistas participantes nesta edición pasarán polo Teatro Colón para amosar a súa faceta máis próxima

Manel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
Viñetas desde o Atlántico, que se celebra na Coruña do 12 ao 18 de agosto, amosará a faceta máis próxima dos creadores de banda deseñada con espectáculos en formato late night, todas as noites no Teatro Colón. Máis de 60 artistas participan nesta edición número 27, que contará con actividades para todos os públicos e que se prolongarán mesmo ata o outono.
As actividades distribúense en nove seccións temáticas. Viñetas Show inclúe proxeccións, ademais dos late nights presentados polos xornalistas Javier Trigales e Nieves Rodríguez. Viñetas Mini ofrece obradoiros infantís, zonas de xogo nos Xardíns de Méndez Núñez e encontros cos personaxes de banda deseñada. A sección Rúa BD programa máis de 100 sesións de sinaturas nos postos comerciais, que este ano foron renovados.
As actividades que se prolongarán ata o outono serán as que se desenvolvan nos centros escolares. Nesta edición, estreitan lazos co festival de autoedición e fanzines Autobán, que ata o de agora funcionaba de forma independente, para organizar un concerto ilustrado.
O cartel do Salón do Cómic será da artista catalá Genie Espinosa. Conta co apoio do Concello, a Deputación e a Xunta.

Viñetas desde o Atlántico terá o seu eixo central entre o 12 e o 18 de agosto, aínda que prolongará as súas actividades ata xaneiro, e entre as súas principais liñas inclúe unha homenaxe a Akira Toriyama —creador de Dragon Ball—, unha nova figura a tamaño real de Gaspariño —o personaxe do pioneiro do cómic galego Xaquín Marín— e a presentación de Black is Beltza II: Ainhoa, de Fermin Muguruza.
Este ano, por primeira vez desde a súa creación a cargo de Miguelanxo Prado, cambia a dirección artística, que pasa a ser responsabilidade de Manel Cráneo, quen agradeceu a confianza e apostou por "renovar" as fórmulas do evento respectando “a esencia”, que é “coidar de autoras e autores”, segundo explicou nunha rolda de prensa en María Pita.
Está previsto un cambio na estrutura para chegar a todos os públicos obxectivo, mediante nove liñas principais: Ñam!, Inclusivas, Rúa BD, Show, Pro, Expo, Mini, Escola e BD.
Con estas seccións haberá gastronomía en distintos puntos da cidade relacionada coa banda deseñada, ademais de espectáculos con música e entrevistas cun programa diario, e a unión entre diferentes disciplinas artísticas a través do cómic.
Para os máis pequenos haberá 10.000 cómics gratuítos, con obradoiros especializados no Fórum e no Ágora pensados para idades entre os 4 e os 16 anos, ademais doutras actividades que se prolongarán ata xaneiro.
Manel Cráneo subliñou que este ano as figuras internacionais convidadas virán de Arxentina e Brasil, nun aceno cara ao outro lado do Atlántico. Nun momento no que a intelixencia artificial entra no proceso creativo, as exposicións centraranse en defender o traballo humano, sen deixar de lado os autores e autoras que empregan ferramentas dixitais.
As exposicións incluirán obras de Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, lembrou a figura de Miguelanxo Prado e apelou a “perpetuar e manter viva a esencia do que creou”, nun evento no que tamén participan a Xunta e a Deputación.




