As bandas do Festival Sinsal descubren o patrimonio marítimo das Rías Baixas
Aunty Rayzor, Afrorack, Haya Zaatry, Kabeaushé e Lapilli percorreron este luns a enseada de San Simón para coñecer, de perto, as bateas e o sector do mexillón
Se no Festival Sinsal SON Estrella Galicia é o publico quen se sorprende ao coñecer o cartel; as bandas e solistas que participan no evento -a meirande parte delas é a primeira vez que visitan Galicia- son quen descubren abraiadas, ao chegar a Redondela, a espectacular contorna natural na que se atopa a illa de San Simón.
Na mañá deste luns, cinco das bandas e solistas que conviviron co público esta fin de semana no arquipélago conformado por San Simón e Santo Antón tiveron a ocasión de coñecer, de perto, o patrimonio natural da Ría de Vigo. A manchega Lapilli, as nixerianas Aunty Rayzor, o ugandés Afrorack, a palestina Haya Zaatry e o keniata Kabeaushé, ao bordo dunha embarcación histórica e acompañadas de guías, descubriron a diversidade mariña da zona e achegáronse ás bateas para descubrir a labor do sector do mexillón nas Rías Baixas.
A visita, celebrada coa colaboración de Estrella Galicia e encadrada como parte das actividades de promoción e difusión cara ao exterior do territorio que Sinsal realiza no marco dos Rías Baixas Fest (a campaña promovida pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas), rematou cunha pequena degustación e, incluso, con actuacións improvisadas das artistas Aunty Rayzor e Lapili fronte á enseada de San Simón.