Política

O alcalde de Malpica cesa a Alfredo Cañizo

O rexedor mantivo unha reunión co edil na que lle trasladou a súa decisión, tomada tras “as continuas desavinzas que o concelleiro mantén con entidades do municipio”

Alfredo Cañizo, en primer termo, co alcalde Eduardo Parga

Malpica

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, cesou nas súas funcións a Alfredo Cañizo, ata o momento concelleiro delegado de Servizos, Mar, Turismo, Festexos e da Mostra da Olaría. A decisión, adoptada esta mañán, vén motivada logo das “continuas desavinzas que o concelleiro mantén con distintas entidades do municipio”.

Segundo o alcalde o pacto de goberno con Cañizo baseouse na necesidade de establecer un goberno estable para Malpica, pero nos últimos meses está acontecendo todo o contrario, “non podo manter as funcións dun edil que nos últimos meses creou unha brecha moi importante con entidades representativas do municipio”, o rexedor indica que “tratei ata o último momento de buscar unha vía de entendemento coas entidades, mais a día de hoxe entendo que non é factible”.

Eduardo Parga asegura que hai liñas que non se poden cruzar e que ten o deber de representar a cada un dos veciños, independentemente da súa ideoloxía ou afinidade política e entende que isto é o mellor para o municipio.

Parga agradeceu a Cañizo “a súa colaboración durante este tempo” e lamentou “que se crearan situacións de carácter irreconciliable que están distanciando ao Concello de diferentes entidades que son fundamentais na vida social de Malpica e que eu, como alcalde, non podo deixar pasar por alto”.

Nos próximos días, o alcalde dará a coñecer a redistribución das áreas de goberno, aínda que apuntou que levará “de forma persoal as relacións con esas entidades e colectivos. Os seus obxectivos teñen que ser os nosos e nese camiño temos que atoparnos”.

Pola súa banda o edil cesado, Alfredo Cañizo, asegura que foi el quen presentou a dimisión como membro do goberno ao estar vivindo unha situación insostible “Desde o meu apoio á moción de censura veño sendo atacado non só politicamente senón ademais, e o que é mais grave, no ámbito estritamente persoal, afectando gravemente á miña persoa e o que é intolerable, á miña familia, chegando a sufrir situacións de todo insostibles, que por suposto serán oportunamente postas en coñecemento da autoridade xudicial aos fins oportunos”.

Cañizo foi clave na moción de censura que levou ao PP ao goberno de Malpica no anterior mandato logo de romper co goberno do socialista Walter Pardo. Dende hai máis dun ano ven mantendo continuos enfrontamentos con entidades locais como a asociación de Oleiros, o que deixou sen Mostra de Olería a Buño o ano pasado. As desavinzas non quedaron aí e nos últimos meses asociación culturais e comisións de festas tamén fixeron públicos os problemas que mantiñan co concelleiro, o último coa comisión das Festas do Mar anunciando que non poderían celebrar os festexos por culpa de Cañizo.