A falta de civismo a piques de causar unha traxedia en Laxe
Un vehículo aparcado de xeito irregular impediu o traballo dunha ambulancia durante unha emerxencia médica
Laxe
Un simple percorrido por algúns concellos da zona abonda para comprobar o escaso rigor existente á hora de respetar a sinalización horizontal. Liñas marelas, vados, prazas reservadas a minusválidos, etc son ocupadas de xeito ilegal e as beirarrúas incluso acaban invadidas por todo tipo de vehículos. BAixo o pretexto do "non pasa nada" xustifícase unha actitude insolidaria cos propios veciños.
Este pasado domingo, en Laxe, si que estivo a piques de pasar algo. O traballo dunha ambulancia do 112 foi obstaculizado por un vehículo aparcado en plena liña marela, molestando nas tarefas de atención dunha urxencia médica. Como consecuencia, o veciño accidentado tivo que ser sacado sostido a pulso pola imposibilidade de que a ambulancia accedese ao lugar dos feitos.
A veciña que denuncia estos feitos, confirma que é habitual a presenza de vehículos nesa zona na que o estacionamento está prohibido. Afirma que varios particulares teñen presentado escritos na alcaldía sen que dende o goberno municipal se tomase ningunha medida ao respecto. No escrito enviado a esta redacción destacan tamén a inacción da policía local, coñecedera destes feitos.
Condutores de ambulancias, coches de bombeiros e vehículos de emerxencia en xeral atopan a cotío problemas para manobrar ante situacións de urxencia. Alertan de que, ata agora, eses feitos só causan incomodidades á hora de atender as emerxencias, pero advirten que de seguir así, un día lamentaremos outro tipo de desenlace.