O lume calcina un barco en Camariñas e un alpendre en Vimianzo
No caso camariñán, é outro incendio engadido aos moitos que se veñen producindo na vila nos últimos meses
Costa da Morte
Noite moi complicada para os servizos contra incendios na Costa da Morte. Sobre as dúas da mañá un veciño daba a alerta de que un pesqueiro vasco atracado no porto de Camariñas estaba ardendo e que o lume xa chegara á ponte de mando, mesmo que se escoitaban explosións, na embarcación había bombonas de oxíxeno e butano.
Inmediatamente mobilizáronse medios de Salvamento Marítimo, Gardacostas, Garda Civil, Bombeiros e protección Civil. Os traballos prolongáronse ao longo de toda a noite, pouco antes das nove os bombeiros daban por controlado o lume. Afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais e tampouco se veu afectado ningún outro barco. Mentres no lugar de Reparada en Vimianzo, o lume arrasou un alpendre de grandes dimensións próximo a unha vivenda. O lume afectou a seis remolques de rolos de palla calcinando completamente as instalacións afectadas.
Foi un particular o que alertou ao 112 Galicia pouco despois das doce e media. Dende o servizo de emerxencias, solicitouse a actuación dos Bombeiros de Cee e Santa Comba, do GES de Ponteceso, da Garda Civil e do Grupo de Voluntariado de Protección Civil de Vimianzo. Tamén se informou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 como medida preventiva. Os equipos de extinción traballaron cunha pa mecánica para retirar os rolos de herba e deixalos arder de forma controlada no exterior. Ao mesmo tempo, continúan refrixerando a zona para evitar que o lume se propagase a outras instalacións próximas onde tamén se almacenan rolos de herba seca. Os traballos continuaron ao longo da mañá.