Unha xornada de sensibilización sobre o proxecto “Mares circulares” reuniu en Lema ás principais entidades medioambientais de Galicia
O alcalde de Carballo e a xestora de Comunicación de Coca-Cola Europacific Partners asistiron á charla impartida por Antonio Castro, director de proxectos de Chelonia
Carballo
Aínda que a última actividade a pé de praia será a ruta guiada por Xabier Maceiras desde Pedra do Sal ata Razo, prevista para este sábado 7, hoxe pechamos o programa Eu quero Razo-Baldaio reunindo no centro social de Lema ás principais entidades medioambientais de Galicia para participar na xornada de sensibilización Océanos, lixo mariño e economía circular. Mares circulares.
Ao acto asistiron tamén o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a xestora de Comunicación de Coca-Cola Europacific Partners, Gema Domínguez, que cualificou o proxecto Mares circulares como un dos máis ambiciosos da estratexia de sustentabilidade da compañía, This is forward, e explicou os tres grandes eixos arredor dos que xira.
O alcalde agradeceu esta primeira colaboración de Coca-Cola na iniciativa Eu quero Razo-Baldaio, impulsada desde a Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Carballo, e agradeceu moi especialmente a implicación e o traballo desenvolvido ao longo destes seis anos polas entidades medioambientais representadas no acto. Nesta edición participaron Senda Nova, Adega, Hábitat, Limpocean e Ecovidrio, ás que se sumaron a Asociación astronómica IO, as deportivas Sysca e Balonmán Xiria e Protección Civil. Evencio Ferrero apelou á “tendencia natural que temos de quererlle sempre ao que temos máis preto” para aplicala á nosa costa e dala a coñecer polos valores que ten.
Durante a charla de sensibilización, Antonio Castro, director de proxectos de Chelonia, achegou á cidadanía unha imaxe real do problema do lixo mariño para as costas atlánticas e o feito de que o 80% desta procede da actividade que desenvolve o ser humano en terra firme. Destacou os efectos directos e indirectos que estes residuos teñen sobre praias, mares, ríos, lagos, e sobre as actividades que se desenvolven tradicionalmente nestes espazos. “Consideramos moi importante que a sociedade conte con información contrastada sobre os grandes problemas globais interconectados: lixos mariños e contaminación, cambio climático acelerado, perda de biodiversidade, e que, entre todos, impulsemos alternativas e solucións efectivas, nun marco de economía circular, polo futuro do planeta e de quen o habito”, indicou Castro.
A xornada finalizou cunha posta en común por parte de todos os asistentes mentres gozaban dunha Coca-Cola.
Sobre Mares circulares
Mares Circulares, tal como explicou Gema Domínguez, é un programa en rede con 3 eixos de actuación: limpeza en contornas acuáticas, sensibilización á sociedade mediante charlas como a que tivo lugar neste acto de peche, e fomento da economía circular e da I+D+i para axudar a aplacar o problema dos residuos mariños.