Sociedad

"No noso rural hai moitas persoas que custodian o noso territorio"

"Habitar o baleiro", de Brais Lorenzo, xa se pode visitar no Marcos Valcárcel

Celebración da Baixada da Marela no Entroido de Maceda (Ourense), unha das fotografías que se pode ver na mostra Habitar o Baleiro / Brais Lorenzo

Ourense

Os que tivemos a oportunidade de vivir no rural experimentamos os beneficios da tranquilidade, tamén os inconvenientes da falta de determinados servizos, os invernos silenciosos ou o valor dunha pequena conversa cando escasean, pero sobre todo a tristeza de como, unha tras outra, moitas casas foron pechando e outras tantas caras desapareceron, só resistindo como unha pegada na nosa memoria de infancia. "Habitar o baleiro", a exposición de Brais Lorenzo tamén trata da resistencia pero neste caso da dos que aínda viven no rural. Esta exposición xa se pode visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, ata o 3 de novembro, enmarcada no OUFF.

O fotoxornalista ourensán pasou polos nosos micrófonos, en Hoy por Hoy Ourense, e falounos desta exposición que aclara que é moito máis que fotografía, "é multiplataforma", xa que incorpora audios, vídeos e textos dos xornalistas Claudia Morán, Elisabet Fernández, Sergio Pascual, Alba Moledo e Lucía Abarrategui. No que a imaxes se refire, son un total de 50.

Todo isto co obxectivo, entre outros, de xerar unha reflexión sobre o despoboamento que afecta á maioría das nosas vilas. Despois de pasar polo Museo do Pobo, xa está en Ourense.

Entre os escenarios das imaxes destacan concellos como San Xoán de Río, Laza, Maceda ou Chandrexa de Queixa.