La Ventana MetropolitanaLa Ventana Metropolitana
Ocio y cultura
Libro infantil

Diego Giráldez escribe un conto infantil coa súa filla como protagonista

O conto, ilustrado por MeliMolita e publicado por Aira Editorial, preséntase por primeira vez o próximo 26 de setembro no Porriño

Diego Giráldez e a súa filla Xulia

Vigo

O escritor e xornalista Diego Giráldez estrea un novo libro que sairá ás librarías de toda Galicia a próxima semana. Desta volta, Giráldez aparca momentaneamente a narrativa para adultos e adéntrase no ámbito da literatura infantil a través dun conto que ten a súa filla Xulia (de 7 anos) como protagonista.

“Xulia e as cóxegas das nubes”, publicado por Aira Editorial, é unha historia tenra e cargada de fantasía que, segundo comenta o autor, “nace xusto o día despois de que Xulia abandonase o hospital logo de case un ano de loita por sobrevivir”. “Nunca pensei en escribir nada para os máis cativos, pero a súa forza e a súa valentía animáronme a facelo. Sobre todo porque nesa sala de neonatos do Cunqueiro no que Xulia comezou a coleccionar incidencias, respíranse unhas ganas envexables por saír adiante que me apetecía trasladar aos que coñecen o que pasa alí dentro, que é maxia. Pensei que este conto sería o mellor xeito de homenaxear a todos aqueles que nacen cando lles peta”, di Giráldez. “A moitos dos recén nacidos con problemas respiratorios, suxéitanlle as gafas do osíxeno cuns autocolantes en forma de nube que lle pegan nas meixelas. Aí comeza todo, tamén este conto que de xeito tan fermoso e cunha sensibilidade excepcional soubo ilustrar MeliMolita, coa que foi un luxo traballar”.

O álbum foi ilustrado por MeliMolita, artista plástica que desenvolve o seu traballo arredor da ilustración e a animación audiovisual. Para a ilustradora, “o motor para elaborar as ilustracións foi o carácter tenro e humano desta historia. O personaxe de Xulia enseguida comezou a coller forza no caderno de bosquexos, con ese carácter forte e a súa alegría de vivir. A liberdade dos mundos imaxinados dunha nena que xoga na chuvia foi unha experiencia do máis gratificante de debuxar e de crear”.

Presentación o xoves 26 de setembro

“Xulia e as cóxegas das nubes” preséntase por primeira vez no Porriño o próximo xoves 26 de setembro, ás 19:00h, no Círculo Recreativo Cultural nun acto aberto ao público no que participarán o director de Aira Editorial, César Lorenzo Gil, a ilustradora MeliMolita, o músico Magín Blanco e o propio autor.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00