Política

Acordo entre PP, BNG e Independentes para a Moción de Censura en Muxía

O pleno da moción será o 7 de outubro co Independente Javier Sar de candidato á alcaldía

Muxía

Houbo acordo entre as tres forzas que actualmente están na oposición muxiá para arrebatar a alcaldía ao socialista Iago Toba que dende as últimas municipais goberna en minoría, o PSOE obtivo nas eleccións cinco concelleiros.

Na moción, rexistrada na mañá deste luns polos tres grupos da oposición figura como candidato o Independente Javier Sar. Sar liderou a candidatura de Independentes por Muxía nas últimas municipais acadando dous concelleiros. O agora candidato foi Patrón Maior na confraría de pescadores muxiá antes de adentarse no mundo da política local coa candidatura independente.

Dende o inicio de mandato a posibilidade de que houbese un acordo para botar da alcaldía a Iago Toba estivo sobre a mesa, Pero foi ao longo do verán cando se intensificaron os contactos e finalmente este luns a primeira hora presentouse a moción.

Iago Toba é alcalde polo POSE, leva cinco anos gobernando, no anterior mandato acadou unha clara maioría con 6 concelleiros, pero ao pouco tempo catro deles deixaron o goberno e pasaron á oposición por discrepancias co rexedor deixándoo en clara minoría. Nas últimas municipais, Toba repetiu como candidato do PSOE logrando ser a forza máis votada pero quedando ás portas da maioría. Xa nese momento se falou dun posible acordo entre as outras tres formacións, pero no PP, a forza máis votada das tres, non querían renunciar á liderar a alternativa e o BNG negábase a darlle a alcaldía aos populares. Agora, superadas esas trabas a nivel local, as tres formacións asinaron un acordo que, en principio, non conta coa aprobación das direccións dos partidos. No BNG comarcal reúnense esta tarde para analizar a situación e no PP polo de agora non queren facer valoracións.

O PSOE amosou todo o apoio ao alcalde Iago Toba e cualifica a moción de “inadmisible e unha vergoña que PP e BNG fagan pinza para que sexa alcalde o representante dun partido con só dos concelleiros”

Segundo o candidato, Javier Sar, a moción era inevitable e os veciños e veciñas non entenderían que non se fixera, debido á situación de parálise do actual goberno, sen orzamentos, co remanente esgotado, contratos vencidos, incumprimentos de acordos, a falta de licitación do SAF e moitas outras razóns. Respecto á formación do goberno conclúe que “hoxe é momento de falar da presentación da moción, como quede formado o novo goberno saberase máis adiante”.

Pola súa banda, a voceira popular Sandra Vilela asegurou que “é un día de alegría para veciñas e veciños de Muxía” e engadiu que se chega a esta situación debido a un cúmulo de circunstancias. Confirma ter o apoio do partido a nivel local e mantense á espera da reacción da dirección provincial onde polo de agora non queren facer declaración.

O BNG muxiá tampouco conta co apoio da dirección do partido para a moción, Mercé Barrientos asegura que “conto co apoio local e a comprensión da dirección comarcal”. Esta tarde de luns reunirase a executiva comarcal da formación nacionalista para valorar a situación.

O actual alcalde Iago Toba non quixo facer declaracións esta mañá en radio Nordés e remítese a un comunicado que publicou nas redes sociais onde afirma “seguirei defendendo os intereses de Muxía e dos meus veciños e veciñas. Son dos que nunca me rindo , sobre todo se creo no que fago”.

O ambiente político de Muxía hai anos que é moi complicado, con continuas descualificacións e mesmo chegando ao insulto en algunhas ocasión, os plenos tensos e cheos berros, con continuas expulsións ou abandonos. O enfrontamento entre o alcalde e algún concelleiro da oposición chegou aos xulgados.

O pleno da moción será o 7 de Outubro ás 12 horas.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00