Xanma Louro, de The Rapants: "Non creo que haxa exceso de grupos galegos en ningún cartel, máis ben o contrario"
O guitarrista e vocalista avanza que non haberá disco novo no 2025, aínda que xa están traballando nel
Xanma Louro, de The Rapants: "Non creo que haxa exceso de grupos galegos en ningún cartel, máis ben o contrario"
17:58
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
<iframe src="https://cadenaser.com/embed/audio/460/1727289527752/" width="100%" height="360" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>
Lugo
The Rapants pecha un verán "que non podíamos imaxinar mellor", en palabras do seu guitarrista e vocalista. De camiño a Lugo para un dos últimos concertos da tempada Xanma Louro fai un alto nos micros de Hoy por hoy Lugo para falar dos éxitos que colleitaron nos últimos meses e do que ten agora a banda por diante.
Co seu disco 'O Corasón Como Un After' posicionáronse como un dos grupos de moda da escena galega, e "aínda que era difícil de superar" conseguírono con 'La Máqunia del Buen Rollo'. A clave estivo, cre Xanma Louro, en "traballar moito no directo e incorporar compañeiros en luces e demais, que nos axudaron a mellorar a experiencia dos concertos e do disco".
Para grabar o álbum viaxaron ao sur de España e traballaron co produtor Paco Loco, referente no panorama nacional, nunha semana que califica de "demencial". Tiveron a oportunidade de estar os catro xuntos durante sete días na casa do produtor: "Somos amigos dende pequenos e a convivencia foi moi divertida, era como ir de campamentos, como Camp Rock".
Tamén conta que, a pesar diso, foi "un pouco agobiante e estresante porque nesa semana non saiamos dese contexto de traballar, de non parar de crear todo o tempo". O guitarrista e cantante asegura que "había momentos nos que perdiamos un pouco a noción da realidade". A pesar de todo insiste en que "a experiencia foi brutal", aínda que non cre que a vaian repetir. "É unha forma de traballar que nos funcionou nese momento, pero para futuros proxectos queremos facer as cousas doutra maneira", explica.
Sobre todo apunta que queren darse tempo, porque "con 'La Máquina Del Buen Rollo' non nos demos descanso e foi dun ano para outro". "Agora toca poñerse a pensar en como superar todo isto", apunta. Polo de pronto xa teñen claro que queren facelo con calma e avanza que "non vai haber disco de The Rapants en 2025", a pesar de que xa teñen falado, e case pechado, con quen van traballar no próximo álbum á fronte da produción. Xanma Louro non o desvela polo de agora, pero si que di que están "moi ilusionados", e está convencido de que cando o anuncien ao seu público lle vai "entrar a curiosidade" por ver o resultado.
Referentes da escena galega
O día despois da presentación da programación completa para o San Froilán, e despois das críticas dunha parte da sociedade lucense pola "excesiva" presenza de grupos galegos no cartel, Xanma Louro pronúnciase sobre o asunto: "Eu creo que é unha marabilla que se conte con grupos galegos sexan tradicionais, de rock, de electrónica ou do que faga falta". Apunta que "o bonito é que o noso o desfrutemos nós, máis alá de que veñan artistas de renome, de nivel nacional ou internacional", pero non cre que "haxa un exceso de artistas galegos en ningún cartel, máis ben o contrario".
Entre as voces críticas contra a programación do San Froilán para o 2024 hai algunhas que incluso meten a The Rapants, ou outros grupos como Fillas de Cassandra, no saco da música tradicional. Sobre isto Xanma Louro non oculta que foi "socio fundador da banda tradicional Ximiela de Louro, pero creo que agora máis ben tocamos rock", bromea.
Reflexiona ademais, fronte a este tipo de xeneralizacións, que a pluralidade que se ve agora mesmo na escena musical galega é a súa principal fonte de riqueza: "Canto máis me meto na industria e a vou coñecendo doume máis conta de que hai anos xa se facían cousas que agora consideramos innovadoras, pero sobre todo o que hai son moitos proxectos galegos e en galego que combinan moitos estilos". Para o músico isto é "moi beneficioso para todos, porque aprendemos uns doutros, sobre como traballamos e como facemos cada un as cousas, e eu creo que iso é crucial para seguir mellorando e crecendo", sentencia.