O concello de Nigrán aproba a compra dos cines do Centro Comercial Ramallosa
A compra inclúe outros sete baixos comerciais que, xuntos, se destinarán para a creación de espazos de cultura e lecer
O goberno de Nigrán consignou no primeiro pleno ordinario de outubro un total de 160.000 € para a compra dos antigos cines do Centro Comercial A Ramallosa e de 7 baixos comerciais co voto en contra do PP e a abstención do BNG. O obxectivo do goberno é unir as dúas salas de proxeccións para que Nigrán dispoña ao fin dun Auditorio Municipal acorde ás necesidades actuais do municipio, tal e como o rexedor marcara como obxectivo deste mandato.
"É unha oportunidade única para que Nigrán conte cun Auditorio Municipal de primeira e con novas infraestruturas municipais nun enclave perfecto e a un prezo inigualable, en canto nos enteramos desta posibilidade non o dubidamos nin un intre", explica o rexedor, Juan González, en referencia ao baixo prezo da operación e á localización, nun dos grandes centros urbanos do municipio. "Con 160.000 € non poderíamos construír nada similar, o aforro é tremendo aínda sumando a reforma que lle fagamos", sinala en referencia a estas dúas salas pechadas definitivamente no ano 2014 e que dispoñen de 160 butacas cada unha e 419 m2 en total.
A esta nova infraestrutura e, dentro do mesmo prezo, súmanse 7 locais comerciais na planta baixa do centro comercial e que se poden anexionar entre si conformando algo máis de 500 m2. "Estes locais pechados desde hai anos serán reconvertidos en centro de ocio xuvenil, incluíndo ademais unha sala de estudo para ofrecer unha alternativa máis á da Biblioteca Municipa", explica o rexedor, a quen os propios comerciantes se dirixiron para informarlle da posibilidade da compra.
"Actualmente estamos moi limitados co Auditorio do Concello porque, ademais de funcionar como tal, é tamén o lugar de ensaio da Escola Municipal de Teatro ou o espazo para o Cine-club Val Miñor Alice Guy. Esta adquisición permitiranos desdobrar as opcións e ampliar e mellorar a nosa xa rica programación cultural", considera o alcalde, Juan González.