Volve a ver 'Con Voz de Muller' dende a Deputación de Lugo
O salón de actos do organismo provincial acolleu unha xornada para compartir e tomar conciencia sobre os retos que ainda quedan por acadar no ámbito feminino
Lugo
A Deputación de Lugo e a Cadena SER organizaron en Lugo o foro 'Con Voz de Muller', un espazo para a reflexión sobre o papel da muller na sociedade actual.
O salón de actos do organismo provincial acolleu unha xornada para compartir e tomar conciencia sobre os retos que ainda quedan por acadar no ámbito feminino.
15 de outubro: Día da Muller Rural
Coincidindo co Día da Muller Rural, o Pazo de San Marcos foi o escenario dunha xornada onde artistas, empresarias e emprendedoras debateron sobre o pasado, o presente e os retos do futuro para as mulleres que residen en contornas rurais.
En moitas ocasións, nas vilas pequenas e nos pobos, son as mulleres quen está a liderar os cambios sociais e económicos a través do asociacionismo ou de proxectos emprendedores. Confírmao presidenta de FADEMUR, Verónica Marcos, que destacou que é " impresionante o activas que son as asociacións de mulleres".
Reflexionou tamén sobre as diferenzas que hai entre ser feminista no rural ou en contornas urbanas. "No rural os coidados seguímolos levando as mulleres, así que non se incorporan ao mercado laboral e non cotizan", manifestou.
Sinala ademais que non son as mulleres as que quedan atrás, senón que é a súa contorna a que nonn as acompaña, e cre que os avances sociais tardan máis en chegar ás contornas rurais e cre que se debe á falta de servizos e infraestruturas: "Na Montaña de Lugo desde o Caurel ata a Fonsagrada non hai un só Centro de Información á Muller".
A importancia de contar con servizos como colexios, centros de saúde ou vías de comunicación foi unha constante durante toda a conversa. A alcaldesa, Paula Alvarellos, e a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, recoñecían que o acción das institucións é imprescindible na emancipación da muller rural.
Neste sentido, dende a comarca da Ulloa Chusa Expósito recorda como hai algo máis de dúas décadas, cando botou a andar a cooperativa 'Milhulloa', tiñan que "saír da casa para atender as chamadas dos clientes, fixera sol ou chovera a chuzos", pola falta de cobertura.
Conversou con María Bouzas, impulsora de 'Tataraboas', que puxo de manifesto que tivo que "loitar moitos servizos que parecía que non eran necesarios e dos que agora se benefician moitas familias". A pesar de que as dificultades son maiores, anima a emprender no rural: "Por todos os lados digo sí, cantos máis sexamos máis fácil é para todos loitar para que non nos quiten todos eses servizos que necesitamos".
Referentes femininos
Pola súa parte Rosa Romero contou como converterse na primeira muller en dirixir a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo a fixo sentir que tiña que demostrar máis que os seus predecesores, e puxo de manifesto a baixa procentaxe que hai aínda na carreiras STEM de matrículas femininas. Comentou que un estudo "publicado na revista 'Science' revela que xa chegando aos seis anos as rapazas, pese a demostrar máis aptitudes e esforzo, síntense menos preparadas para diferentes carreiras ca os rapaces".
Tamén no eido cultural a iniciativa feminina marca o paso da dinamización artística. A actriz Melania Cruz, a fotógrafa Esther López, Idoia Cuesta, cesteira, e cantante e compositora Sara Nebra reivindicaron máis espazos para poder desenvolver proxectos culturais que, teñen comprobado, a poboación rural demanda e desfruta. A actriz animou a "mirar o rural dende outros prismas" e sinalou que as formas de convivencia que se dan nel son "moi nutritivas para a creación artística".