Independentes e PP repártense as áreas de goberno de Muxía
O BNG queda á marxe, pero terá a chave da gobernabilidade ao desfacer o empate entre o goberno municipal e a oposición do PSOE, ambos con 5 concelleiros
Moción de Censura en Muxía (07/10/2024)
01:21:49
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
<iframe src="https://cadenaser.com/embed/audio/460/1728316746152/" width="100%" height="360" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>
Muxía
Independentes por Muxía e Partido Popular van formar o grupo de goberno da nova etapa que se abre na política muxiá. Ambas formacións veñen de facer pública a composición do novo goberno municipal no que queda fóra o BNG. Inda así os nacionalistas terán un papel chave nesta nova etapa, ao depender deles desfacer o empate entre os concelleiros de IxM-PP e a oposición do PSOE, ambos con 5 concelleiros.
Javier Sar será o novo alcalde, asumindo tamén as concellerías de Contratación, Obras e Infraestruturas. A súa compañeira en IxM, Aurelia Picallo, será a encargada de dirixir os departamentos de Educación e Igualdade. A parte "popular" do novo goberno está encabezada por Sandra Vilela, que ademáis de ostentar a Tenencia de Alcaldia, será a nova concelleira de Cultura, Festexos, Turismo, Deportes, Xuventude e Asociacionismo. Ao seu carón estarán Sofía López, nova concelleira de Servizos Sociais e Integración Social e Rosario González, edil encargada de Servizos, Mantemento e Limpeza.
Moción de censura
O salón do voluntariado de Muxía quedouse pequeno para acoller a veciños e simpatizantes dos diferentes partidos no pleno da Moción de moción de censura na que se proclamou alcalde o independente Javier Sar, substituíndo ao socialista Iago Toba.
O primeiro en intervir no pleno foi o candidato Javier Sar, de independentes por Muxía. Explicou os motivos polos que se presentaba a moción facendo fincapé na falta de xestión, a incapacidade do alcalde para chegar a acordos xunto coa actitude “arrogante e burlesca” de Iago Toba, insistiu tamén na capacidade dos tres grupos na oposición para poñerse de acordo e apoiar proxectos.
En segundo lugar interveu Iago Toba que defendeu o seu traballo e o dos seus compañeiros ao fronte do goberno muxiá, “Hoxe traen aquí unha moción de censura contra un grupo de persoas que traballou de forma honrada, con humanidade e leais aos veciños e veciñas de Muxía. Estamos aquí porque non nos quixemos dobrar ante quen nos quería ver dobrados”. Cualificou os motivos polos que se presenta a moción como “surrealistas e falaces”.
Toba volveu criticar que vaia gobernar o “segundo partido máis perdedor” e acusou ao PP non ter “o cuello completamente erguido por vender aos veciños” e á concelleira do BNG de ter “as rodillas completamente ensangrentadas, cando aínda non estaban couradas de cando Bautista fixo algo parecido”. Rematou o alcalde saínte citando a candío de SES “Tempestades de sal” e asegurando que se trata dun punto e seguido.
Sandra Vilela, a voceira do PP, empezou a súa intervención destacando que neste pleno se estaba vendo “unha versión light” do alcalde e recordándolle que ao contrario do que acababa de dicir, os tres partidos da oposición, gañaron as eleccións “Porque 6 son máis ca 5”. Cualificou a etapa de Iago toba como alcalde de “unha época funesta e escura” e insistiu “hoxe é un día para celebrar que a cordura, a transparencia e o diálogo volve a Muxía, para escoitar a cada veciño e veciña e para a partir de agora poidamos construír a Muxía do futuro”
A última en intervir antes da votación foi a concelleira do BNG Merce Barrientos asegurando que “a xestión política do goberno de Iago Toba foi pésima, foi incapaz de levar a cabo proxectos herdados, con moitos servizos sen fondos ou traballando en precario. Toba é incapaz de recoñecer ningún erro e emprega de xeito recorrente a mentira e as faltas de respecto” , enumerou as “agresións verbais” que sufriu por parte do alcalde, acusouno de mentir e “falsear a historia”. Barrientos engadiu que a apertura de expediente por parte do BNG permitiralle “dar a coñecer a situación que tiven que soportar”.
Xa no seu primeiro discurso como alcalde Javier Sar asegurou “Para mi é unha verdadeira honra ser alcalde de Muxía, e quero transmitir a todos os veciños e veciñas que por falta de atender, traballar e estar á vosa disposición non vai ser. Imos normalizar e formalizar a vida política e agora chegamos aquí para ser capaces de chegar a acordos”.
Unha vez finalizado o pleno Iago Toba achegouse ao novo alcalde para “desexarlle toda a sorte porque os seus acertos serán acertos para os veciños”. Mentres que o novo rexedor tendeu a man e dixo que chamará a todos, tamén ao PSOE, para chegar a acordos.