Brandomil, unha urbe romana ocupada entre os séculos I e V por habitantes cun alto poder adquisitivo
Nos últimos traballos arqueolóxicos atopáronse unhas 1.500 pezas que se depositarán nos museos coruñeses
Zas
As últimas intervecións arqueolóxicas realizadas na Pedra do Altar en Brandomil, Zas, proporcionaron datos de especial relevancia e que acaban de facerse públicos por parte do Concello de Zas, a Fundación Brandomil e o arqueólogo responsable dos traballos.
Unha domus romana cun “tablinum porticado”, unha casa cunha estancia señorial; os alicerces doutra vivenda e diversos materiais (una moeda, pratos, cristais,…) xunto con outros indicadores revelan a presenza dunha urbe romana en Brandomil ocupada entre os séculos I e V por habitantes cun alto poder adquisitivo.
Estas son as principais conclusións ás que chegou o equipo de arqueólogos, dirixidos por Lino Gorgoso, despois de rematar no pasado mes de setembro a IV fase das intervecións realizadas na Pedra do Altar, en Brandomil.. “Foi unha das intervencións máis ambiciosa e fructífera e que corrobora a importancia que tivo Brandomil entre os séculos I e V”, sinalou Gorgoso.
“Dende o noso goberno municipal entendemos que este é un recurso de gran valor para o noso concello e para a comarca polo que seguiremos apostando por el porque temos constancia de que na actualidade non existe en toda a Costa da Morte nin en toda Galicia un xacemento romano que se estea escavando coa importancia deste”, sinalou Manuel Muíño, Alcalde de Zas. Durante a súa intervención recordou que o Concello de Zas investiu cerca de 100.000 euros nas escavacións realizadas na Pedra do Altar e na Vía Romana, sempre coa colaboración da Fundación Brandomil, e tamén aproveitou a ocasión para pedir a implicación doutras administracións públicas e privadas.
Na última campaña de excabacións atopáronse unhas 1.500 pezas de diverso tipo que se depositarán proximamente nos museos coruñeses e que se suman ás máis de 5.000 que xa están no Castelo de San Antón (A Coruña). “A idea é que expoñelas todas nun futuro museo en Brandomil”, sinalou Enrique Eduardo Iglesias en representación da Fundación Brandomil.
Segundo explicou Lino Gorgoso, unha boa parte dos materiais atopados realaciónanse co comercio Mediterráneo e entre eles hai unha moeda pertencente á época do emperador Trajano.
Outra das pezas máis singulares atopadas na última intervención foi unha “tégula romana”, unha tella, cun peixe grabado que se relaciona cos inicios do Cristianismo. Aparaceron máis cerámicas con grafitos; un prato con restos de comida e cun selo que indica que procede dun alfareiro do século I da Rioxa e tamén vidros azulados, moi de moda entre os séculos I e II, que probablemente sexan restos dunha botella e dunha copa para rituais. “Todos estes achados corroboran o alto poder aquisitivo dos habitantes de Brandomil desa época”, sinalou o director das escavacións.