Ocio y cultura
Premios Xerais

Xerais celebra en Vigo a festa de entrega dos seus premios a Abel Tomé, Raquel Fernández Fernández e Marta Villar

O director de Xerais, Fran Alonso, amosou a preocupación do sector editorial pola situación de perda de falantes do galego

Premios Xerais 2024

Abel Tomé, Raquel Fernández Fernández e Marta Villar recolleron este sábado o Premio Merlín de Literatura Infantil, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Xerais de Novela, respectivamente, no Museo do Mar, en Vigo.

Xerais celebrou a súa festa anual para recoñecer as obras Milú e o edificio das persoas extraordinarias, I’m Obélix e Detective Ferruchi.

A xornalista Susana Pedreira foi a encargada de presentar o acto, que inaugurou o director de Xerais. Fran Alonso agradeceu o traballo dos xurados e dos gañadores desta edición, “que son hoxe o corazón de Xerais”, aos que deu as grazas “por bombearnos ese sangue fresco e necesario”.

Abel Tomé recolleu o XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil agradecendo ao xurado “por descubrir certos matices da obra que eu non vin”. Tamén valorou o traballo da ilustradora Laura Romero, “tan fermoso e artesanal”. Ademais, definiu a súa novela como “unha historia de persoas que teñen que abandonar o seu país para construín un fogar nun lugar diferente”. “Se son capaz de prenderlles unha luz nese cuarto escuro que ás veces é a mente das persoas que me lean xa estou satisfeito”, explicou.

Raquel Fernández Fernández foi a gañadora do XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por I’m Obélix, unha novela coral que retrata o acoso a un neno nun instituto. Sobre ese protagonista de 13 anos con TDAH chamado Isma, a autora expresou a súa intención de “que todo o mundo saiba que non é vago, nin maleducado, nin parvo, simplemente funciona doutra maneira”. Ademais, destacou que ese personaxe “fíxome mellor escritora e mellor persoa”.

Detective Ferruchi, de Marta Villar, acadou o XLI Premio Xerais de Novela. Trátase dunha novela en ton paródico que segue as pescudas tras un asasinato. A autora falou no seu discurso da idea da literatura como un acto máxico. Ademais, recalcou a necesidade de manter a capacidade de abraio e a imaxinación da nenez como a mellor fórmula para ter unha boa saúde mental. “A literatura e a maxia teñen moito que ver, porque un libro pode converterse nun refuxio, protexerte e mesmo salvarche a vida, e iso é maxia”.

Preocupación pola perda do galego

No seu discurso, Fran Alonso fixo referencia aos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que amosan un gran retroceso no uso do galego, sobre todo entre a xente nova. Neste sentido, reivindicou o papel das editoriais galegas, que traballan coa lingua e “producen incalculable valor intanxible pero tamén, por suposto, riqueza tanxible”. Ademais, expresou a súa preocupación pola perda de falantes e a invisibilidade do libro galego e reclamou medidas eficaces contra esta situación. “A lingua é un patrimonio inmenso, un patrimonio monumental que, por certo, non ten ideoloxía e precisamente por iso todas e todos debemos coidar, persoal e socialmente”, explicou.

Ademais, no acto proxectouse un vídeo de Chus Pato recitando un dos poemas de Sonora, o libro editado por Xerais polo que acadou o Premio Nacional de Poesía 2024. Por compromisos derivados da súa actividade como poeta, a autora non puido acudir o acto presencialmente. Na festa tamén actuaron os integrantes do grupo Os Carunchos, que interpretaron o poema A poesía, de Manuel María. A peza forma parte do libro disco publicado por Xerais neste 2024 titulado Unha gorxa chea de paxaros e que foi concibido como unha homenaxe ao poeta con motivo do 30 aniversario do grupo.