Un simposio sobre Luísa Villalta profunda en novembro na figura e obra da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2024
A Real Academia Galega celebrará o simposio ao redor da vida e a obra da autora na Fundación Barrié
A Coruña
A Real Academia Galega continúa este mes de novembro coa súa programación sobre Luísa Villalta, autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2024, cun simposio do 19 ao 21 de novembro na Coruña.
En conceto, a institución celebrará o simposio ao redor da vida e a obra da autora na Fundación Barrié, cun completo programa que, ademais de relatorios e mesas redondas, incluirá unha actuación musical de Uxía e o espectáculo 'Indóciles'.
O programa que coordinan as académicas Margarita Ledo Andión e Ana Romaní arrincará o martes 19 de novembro con dous relatorios da poeta Eva Veiga e o músico Paulino Pereira. A primeira xornada continuará cunha mesa redonda coa crítica literaria e profesora da USC María Xesús Nogueira, o académico correspondente e profesor honorario da UDC Luciano Rodríguez, a escritora e profesora da UVigo Rexina R. Vega e a tamén escritora Marga do Val como moderadora.
A tarde concluirá cunha intervención da fotógrafa Maribel Longueira ao redor de Papagaio, o volume no que as súas instantáneas sobre o derrubamento do antigo barrio da prostitución coruñés dialogan cos versos da homenaxeada, na que se proxectarán as imaxes.
O mércores 20 de novembro, na quenda de relatorios que presentará a académica Fina Casalderrey, a filóloga e ensaísta Inmaculada Otero Varela profundará na narrativa de Luísa Villalta e o escritor e crítico literario Henrique Rabuñal, na súa obra dramática. A continuación, a académica Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés, tres poetas de diferentes xeracións, compoñerán unha mesa redonda, moderada pola académica correspondente Mercedes Queixas, na que reflexionarán sobre o feito de ler a Villalta. A segunda xornada concluirá coa actuación musical de Uxía.
O poeta Xosé Mª Álvarez Cáccamo e a profesora honoraria da UDC Pilar García Negro ofrecerán o xoves 21 senllos relatorios sobre a lírica e o ensaio da homenaxeada, presentados pola académica correspondente Olivia Rodríguez. A tarde avanzará cunha mesa redonda sobre a cidade da Coruña na obra de Luísa Villalta protagonizada por Teresa Seara, Xurxo Souto e Miguel Anxo Fernán Vello, e con Cesáreo Sánchez Iglesias como moderador. Poñeralle punto final ao simposio Indóciles, a proposta multidisciplinar de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut ao redor da vida e da literatura da protagonista destas Letras Galegas.