La Ventana Metropolitana
Salud y bienestar

Detectan larvas de mosquito tigre en O Porriño

Desde a Xunta apuntan a que comezarán as labores de vixilancia e valoran colocar novas trampas

Mosquito tigre / CADENA SER

O Porriño

As altas temperaturas do que vai de outono están a provocar un aumento da presenza do mosquito tigre. A última novidade é que apareceu un novo municipio na área de Vigo. A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), da que tamén forman parte as universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, detectou a presenza de larvas deste insecto no Porriño, concretamente na zona da Relva.

Ao ser detectada en estado larvario, a Xunta explicou nunha nota de prensa que todo parece indicar que a súa poboación está introducida. Así, desde a ReGaViVec, e en colaboración co Concello, farase vixilancia deste vector e avaliarase a necesidade de ampliar a observación colocando novas trampas. Deste xeito, O Porriño súmase agora aos de Moaña, Vigo, Cangas, Vilaboa e Redondela como integrante do comité técnico do mosquito tigre, que previsiblemente se volverá reunir na segunda quincena de novembro.

Neste contexto, a Consellería de Sanidade agradeceu a participación dos veciños seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika, aínda que os exemplares localizados ata o momento en Galicia non son portadores.

O departamento autonómico recordou que a maneira máis efectiva de evitar esta proliferación é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas como eliminar puntos de auga estancada en bebedoiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.

Por outro lado, sinalou que mantén un acordo de colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas para promover a descarga da aplicación móbil 'Mosquito Alert', coa que a cidadanía pode achegar fotos para o seu estudo por parte de especialistas en entomoloxía, que confirmarán se se trata ou non de mosquito tigre ou doutra especie.