Olga López Racamonde: "Só teño palabras de agradecemento e de emoción para o traballo dos voluntarios"
A concelleira de Benestar Social no Concello de Lugo anuncia que os centros de doazóns pecharán para organizar o recollido e volverán abrir con "novas peticións que trasladan dende Valencia"
Olga López Racamonde: "Só teño palabras de agradecemento e de emoción para o traballo dos voluntarios"
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
Un centenar de lucenses de todas as idades levan toda a semana traballando arreo nos centros sociais que o Concello de Lugo designou como punto de recollida de doazóns para os afectados pola DINA. Andrea, de 21 anos, aproveita os momentos nos que non ten clase para botar unha man no centro social Díaz Ponte: "Somos a xeración de cristal, pero o cristal cando rompe corta e aí estamos todos respondendo, vese a solidariedade e a unión que hai en Lugo".
Más información
Traballa codo con codo con outros voluntarios como Pepe, a punto de cumplir 40, e que se mostra contento por "recortar unha hora de sesta para poder axudar aínda que sexa un pouco". Ao escoitar as súas reflexións, a concelleira de Benestar Social, Olga López Racamonde recoñece que se emociona: "Só teño palabras de agradecemento para eles".
Pon especialmente en valor a colaboración e a implicación que están amosando as novas xeracións de lucenses. "Benvidos sexan eses mozos e mozas comprometidos, que todos sabemos que os hai", apunta, "debemos recoñecelos a eles e a todos os demais porque todos sabemos que isto foi interxeracional".
O volumen de doazóns, así como a cantidade de mans que se propuxeron para colaborar, deixan un "balance positivísimo". A falta aínda de cifras máis concretas a concelleira asegura que se xuntaron "kilos e kilos de alimentos non perecedeiros, material de limpeza e inlcuso material escolar, que é o que nos piden dende a Federación Valenciana de Municipios e Provincias", coa que asegura que están en "contacto diario".
Importancia da xestión pública
Neste contexto de solidariedade e colaboración cidadá a concelleira quere destacar tamén, por outra banda, a "importancia da Administración". "Hoxe facer de menos o traballo das institucións públicas vese incluso como algo valente, e eu penso que é un erro social tremendo", explica Racamonde que se pregunta "se as Administracións desaparecemos que nos quedaría?".
Resalta a importancia de que os que están á fronte sexan tamen "consecuentes e responsables" e invita a "todos os que traballamos na xestión, na política, a ser conscientes diso", pero tamén "á sociedade da importancia da información veraz, contrastada que é fundamental".
Peche da recollida de doazóns
Os centros sociais que funcionan como puntos de recollida de doazóns pararán a semana que vén: "Imos facer unha pausa de apertura, pero non de traballo". O que toca agora é organizar, empaquetar e enviar todo o material recollido durante estes últimos días segundo as indicacións da Federación Valenciana de Municipios e Provincias, que pide que o material vaia correctamente etiquetado para facilitar a xestión e o reparto das doazóns.
A previsión do Concello de Lugo é que a semana seguinte a esta que comeza abra de novo "pero con outras demandas", segundo o que trasladen dende Valencia. "Os propios veciños dunha forma obxectivo manifestan que as necesidades están cambiando, agora mesmo, por exemplo non recollen roupa pero quizá nas seguintes semanas precisen sabas e mantas". A edil asegura que se trasladará á cidadanía para que a colaboración sexa o máis efectiva posible.
Antía Montes
Radio Lugo