Sociedad

"Artesanía, saber e sabor" chegará a Ribadavia

Haberá: catas, degustacións, obradoiros dirixidos a familias e profesionais, baile e música

Presentación de Artesanía, Saber e Sabor. / red

O Ribeiro

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presentaron esta tarde de xoves a iniciativa Artesanía, saber e sabor, que terá lugar entre o 6 e o 8 de decembro no casco histórico de Ribadavia.

Esta acción abranguerá un mercado de Nadal de Artesanía Alimentaria -xunto aos de Santiago, Lugo e Vigo, os eventos que impulsará antes de final de ano a Consellería do Medio Rural para potenciar este selo de calidade diferenciada-. Ademais, farase promoción de Artesanía de Galicia, xunto cun completo calendario de actividades para todos os públicos.

Durante a rolda de prensa -na que tamén estiveron presentes o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, o director de Agacal, Martín Alemparte, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández- José González explicou que este proxecto busca poñer en valor a artesanía e os produtos alimentarios galegos de calidade diferenciada, explorando novas experiencias para a súa comercialización a través do uso efémero de diferentes locais comerciais do casco histórico da vila -abertos ao público para este evento- e a igrexa da Magdalena. Ademais, detallou que ao longo de tres días participarán máis unha vintena de artesáns e obradoiros adheridos á marca Artesanía de Galicia.

No que atinxe ao mercado de Nadal, segundo explicou a titular de Medio Rural, as expositoras serán pequenas empresas que elaboran e comercializan produtos acollidos a ao selo Artesanía Alimentaria dos diferentes sectores para os que se conta coa correspondente norma técnica. Así, haberá queixos, xeados, mel, embutidos e outros derivados cárnicos, marmeladas e outras conservas vexetais, cervexas, sidra, aceite de oliva, chocolate e derivados do cacao, entre outros produtos.

Na parte comercial, o evento de Ribadavia servirá como piloto dun proxecto máis amplo que a Xunta impulsará no 2025 baixo o nome de Vilas Vivas, que terá continuidade nesta vila histórica e posteriormente noutras. Neste senso, explicou que, no marco do proxecto, o propósito é darlle unha nova vida a baixos comerciais en desuso de diferentes cascos históricos para o desenvolvemento de eventos efémeros que atraian visitantes durante as fins de semana.