Ribadavia saca a concurso a dirección artística da MIT
Este proceso de contratación realizarase mediante procedemento aberto
La Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia llenó todos los espectáculos / MIT
Ribadavia
O Concello de Ribadavia abre a convocatoria para a contratación da dirección artística da Mostra Internacional de Teatro (MIT), un evento cultural de referencia en Galicia. Este contrato responde á necesidade de contar cun equipo especializado tras o cesamento voluntario do anterior director artístico, Roberto Pascual.
A persoa ou entidade seleccionada será responsable do deseño e programación da MIT, asegurando a coherencia dramatúrxica e a eficiencia económica. Tamén terá que elaborar memorias, orzamentos e documentación para convenios e patrocinios, ademais de coordinar grupos de traballo e seleccionar empresas e persoal técnico. Outra das súa funcións fundamentais será a xestión de actividades paralelas, como o Premio Abrente, as residencias artísticas e as coproducións, xunto coa colaboración na estratexia de comunicación e difusión do evento.
O contrato, cun valor estimado de 8.264,46 euros (10.000 euros con impostos), terá unha duración inicial dun ano, prorrogable anualmente ata un máximo de cinco anos, segundo o estipulado pola Lei de Contratos do Sector Público. Este proceso de contratación realizarase mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria. A avaliación das ofertas basearase en criterios técnicos e económicos, dando maior peso á experiencia en dirección de proxectos artísticos e á calidade do plan de dirección artística presentado.
As propostas deberán presentarse antes do 18 de febreiro de 2025, ás 14:00 horas, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público. Para máis información sobre os requisitos e condicións, os interesados poden consultar o perfil do contratante na Plataforma de Contratación do Estado.
En 1973 a Agrupación Cultural Abrente puxo en marcha as Mostras de Ribadavia, dentro dun ambiente de recuperación cultural mais tamén social e económica que se vivía en España dende a década dos 60, mais en tempos de dificultades económicas, censura, ... polo que estas mostras supuxeron un punto de encontro para a normalización e a profesionalización do Teatro Galego.
A partires de 1984 convértese nun festival internacional, o que supón unha oportunidade para achegar o teatro e a sociedade galegas aos grandes nomes da escena internacional así como ás tendencias e circuitos de maior prestixio.
Rubén García Fernández foi o promotor cultural destas Mostras consideradas, para moitos, o punto de inicio do teatro contemporáneo en Galicia. Este ribadaviense foi o primeiro director das MiT de Ribadavia. Un traballo a prol da cultura teatral galega polo que foi recoñecido co premio María Casares de honra.