Concurso para elixir o cartel da Festa do Esquecemento
Os artistas poden presentar as súas propostas ata o 24 de maio

Os romanos cruzando o río Lethes

A Asociación Cultural Civitas Limicorum vén de convocar o concurso para a elección do cartel da XXV Festa do Esquecemento, unha edición moi especial coa que se celebra o 25 aniversario desta celebración de recreación histórica que cada verán converte Xinzo de Limia no epicentro da cultura galaico-romana en Galicia. As datas para esta edición de 2025 son os días 22, 23 e 24 de agosto.
O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o vindeiro 24 de maio, e o cartel gañador será seleccionado pola Xunta Directiva da asociación entre todas as propostas recibidas, despois dunha asemblea coas súas socias e socios. O autor ou autora da imaxe escollida recibirá un premio de 300 euros.
O cartel deberá representar o espírito da Festa do Esquecemento, que combina divulgación histórica, cultura, participación social e celebración, destacando o legado do pobo dos límicos e a súa resistencia fronte ao Imperio romano, segundo informou a asociación.




