As Letras Galegas celebran a tradición oral que medrou nas rodas e foliadas
A Real Academia Galega homenaxea este ano a tradición oral e musical de Galicia a través das cantareiras, cunha especial mención ás pandereteiras de Mens. Explosión de actividades polo Día das Letras

Xosé Manuel Varela, docente e investigador, fálanos sobre as Cantareiras
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
O 17 de maio de 2025 celebrase un Día das Letras Galegas histórico, centrado por primeira vez na tradición oral e musical de Galicia, coa figura das cantareiras e pandereteiras como protagonistas. A Real Academia Galega escolleu este ano homenaxear a forza da palabra e do canto transmitido de xeración en xeración nas aldeas galegas.
Este recoñecemento chega logo dunha certa sorpresa inicial, cando a Academia anunciou no 2024 a súa escolla das cantareiras como protagonistas das Letras. Hoxe, esa decisión énchese de sentido ao pór en valor unha parte esencial da nosa cultura popular, a que nace nas rodas, nas foliadas, nas festas parroquiais e na vida cotiá das mulleres do rural.
As pandereteiras de Mens: unha historia de dignidade e autenticidade
No centro desta homenaxe están as pandereteiras de Mens, tamén coñecidas como as bellas de Mens, un grupo de mulleres da parroquia de Mens, no concello de Malpica, que marcaron unha época desde os anos 70.
O seu primeiro gran momento chegou en maio de 1972, cando actuaron no Teatro Colón da Coruña nun concurso de coros e danzas. Vestidas coas súas roupas de domingo, sen traxes folclóricos estandarizados, impactaron co seu estilo auténtico e ancestral. A súa posta en escena supuxo unha ruptura co formato máis académico da época e conquistaron ao público, tanto que nun festival en Santiago tiveron que crear un premio especial para elas.
Durante máis de 20 anos de traxectoria artística, levaron a súa música por Galicia, Portugal, Francia e incluso Bos Aires, onde foron recibidas con agarimo polos centros culturais galegos e polos emigrantes que vían nelas un recordo vivo das súas raíces.
Da aldea ao escenario: mulleres que fixeron historia
A tradición da pandereta estivo durante décadas sostida polas mulleres das aldeas. Aínda que tamén houbo homes vinculados a esta música —como Alfonso de Bealo—, foron maioritariamente mulleres anónimas as que mantiveron viva a oralidade popular galega, entre cantigas, romances, regueifas e comparsas.
As pandereteiras de Mens representan esa forza colectiva que, sen recursos, sen foco mediático nin apoio institucional, foi quen de trasladar a cultura da aldea aos escenarios. Grazas a elas, hoxe é habitual ver agrupacións femininas tocando pandereta en concertos, algo que non era común antes dos anos 70.
Un legado que continúa: da tradición á escena contemporánea
O impacto das cantareiras de Mens segue vivo. Grupos como Leilía nos anos 90 ou artistas como Xabier Díaz e Xosé Lois Romero, que hoxe rodean os seus espectáculos de pandereteiras, son herdeiros directos daquela revolución cultural.
Co paso do tempo, a pandereta pasou de ser un acompañamento secundario a ocupar o centro do escenario, grazas a estas pioneiras. O recoñecemento da Real Academia Galega non é só unha homenaxe ás mulleres de Mens, senón a todas aquelas que mantiveron acesa a chama da cultura galega a través do canto.
Letras Galegas 2025: máis ca un día, un ano de celebración
O 17 de maio será o día central, pero compre celebrar esta homenaxe durante todo o ano. Porque a tradición oral galega non pertence só ao pasado, senón que segue viva e evolucionando, adaptándose aos tempos pero mantendo a súa esencia.
Este Día das Letras Galegas 2025 convida a redescubrir a nosa literatura popular, a poñer en valor os nomes propios das aldeas —como Rodelcia de Vilanderriba, Teresa da Canónica ou Adelia da Xaxa—, e a seguir defendendo a forza da nosa lingua e da nosa música, tecida coas voces das nosas avoas.
Más información
Explosión de actividades polo Día das letras
As cantareiras no día das letras galegas. Adolfina e Rosa Casás de Cerceda e tantas outras que axudaron a manter a memoria e a sabedoría popular. Hoxe arrincan os actos, á unha e media en María Pita e cos Xardíns de Méndez Núñez como epicentro.
Cantigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina, Donaire, Maghúa, Son D´Aquí, Espadana e Contiños da Feira participarán en foliadas e actuacións hoxe ás dez e media da noite e o sábado e o domingo ás cinco da tarde. O Campo da leña acollerá a Ortiga, Zavala, Ulex, Breo, Caravela, Belem Tajes e Eris Mackenzie. Haberá actividades na Praza do humor, San Andrés, Azcárraga, ou José Sellier.
Ás nove da noite ademais Treixadura actúa no Teatro Colón. No Rosalía celebrarase a gala especial polo 70 aniversario de Aturuxo a partir das sete da tarde con homenaxe as Pandereteiras de Mens.
A Asociación cultural Donaire conmemora o seu 25 aniversario co CITEEC da UDC que tamén cumpre 25 anos. A Universidade puiblica ademais o libro "Por que non hei cantar?" conxunto de cantigas tradicionais de Elviña e Ferrol. Hoxe o espazo de intervención da UDC Normal acolle un acto protagonizado polo escritor Manuel Rivas.




