O presidente da RAG, a Rueda: "Non abonda co agarimo, hai que aplicar políticas eficaces para que o futuro do galego sexa posible"
Henrique Monteagudo pide á Xunta un novo modelo educativo e compromiso real

Ricardo Rodríguez
Santiago de Compostela
Galicia reivindica o legado das cantareiras. Unha merecida homenaxe e recoñecemento do seu papel como creadoras e transmisoras da tradición oral. Estas Letras Galegas lograron unha implicación social como poucas antes. Agora falta o compromiso político para reverter logrouse unha gran implicación da sociedade, falta o compromiso político "real" para reverter a situación do galego. Así llo pide o presidente da Real Academia Galega á Xunta e a todos os partidos. Henrique Monteagudo considera que deben chegar, polo menos, a un acordo de mínimos sobre a lingua.
A caída histórica de galegofalantes precisa dun cambio no modelo educativo. O presidente da Academia pide á Xunta "políticas eficaces"; "non abonda con amosar cariño polo galego", di. En declaracións a Radio Galicia - Cadena Ser, Monteagudo di que ese descenso no uso do galego era o esperado tendo en conta "as medidas regresivas que se tomaron". O presidente da academia é favorable á derogación do decreto do plurilingüismo, vía que a Xunta descarta tomar.
Monteagudo reitera esa proposta de pacto pola lingua e deixala fóra da liorta política e dos "intereses partidarios". Insiste en que o compromiso non pode ser de palabra, ten que traducirse en medidas concretas, por exemplo, impartir as ciencias en galego.
O presidente da Academia considera tamén moi necesario o impulso do galego nas plataformas audiovisuais e nas redes, así como recuperar o espírito do Xabarín.




