As mariscadoras, ademais de no mar, "deben estar nos lugares onde se toman as decisións"
Quince mulleres, en representación da aportación feminina ao sector pesqueiro e marítimo, foron homenaxeadas en Ribadeo

As mariscadoras, ademais de no mar, "deben estar nos lugares onde se toman as decisións"
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
O traballo das mulleres dentro e fóra do fogar foi históricamente invisibilizado, a pesar de ter contribuído de xeito trascendental ao desenvolvemento da sociedade, tamén no sector marítimo-pesqueiro. Coincidindo co Día Internacional da Muller no Sector do Mar a consellería do ramo homenaxeou en Ribadeo a 15 mulleres que representan en primeira persoa o papel esencial que xogan nunha actividade estratéxica para Galicia e que supón o 5% do PIB.
Habitualmente adícanse a profesións e oficios como o marisqueo a pé, unha actividade na que representan o 75%, na industria transformadora e de comercialización de produtos pesqueiros ou na reparación de aparellos de pesca. Mais, aínda que Galicia foi pioneira en incorporalas ás confrarías e organismos de xestión, con poder na toma de decisións, na actualidade ocupan só o 16% dos postos directivos, a pesar de representar o 29% das afiliacións.
Celia Pacios entra dentro desa porcentaxe máis minguada. Empezou a mariscar moi nova, criou catro fillos e foi Patroa Maior de Ribadeo, aínda que actualmente está xubilada. "Quen teña o cargo que lle dedique o tempo necesario, ten que meter moitísimas horas", explica. "A xente pensa que vas pasear, pero Ribadeo estivo representado en todas as reunións", continúa, "e tiña que sacrificar moitas horas".
Este traballo valeulle a ela, máis ás súas compañeiras daquela e ás que se incorporaron despois, dereitos laborais. "Eu loitei a seguridade social, o coeficiente reductor, con moitas compañeiras máis da zona de Galicia, e todo iso a base de ir ás reunións e machacar, así fumos sacando algo", conta.
María José Fernández, Coté, mariscadora en activo, é unha das mulleres do mar que lle agradece a Celia ese esforzo, e que continúa con ese doble traballo, o de ir mariscar, máis o de organización, pois foi presidenta da agrupación de mariscadoras.
Ve como na actualidade se están a incorporar moitas mulleres á profesión, o problema é que "non hai produto". A causa é "o marisqueo ilegal" que é, para ela, o principal reto que enfronta o sector agora mesmo. "Sempre o tivemos e seguirá existindo, e fano a luz do día, pero necesítase moito control sobre él", apunta, "temos un gran problema con eso".
As dúas animan a asumir postos de responsabilidade para enfrontar estes retos. "Neste sector hai poucos homes que se queiran implicar máis alá do traballo, e mulleres menos", di Celia Pacios. Cando ela aceptou ser Patroa Maior, había só outras catro en toda Galicia. "Hay que participar", anima, e resalta a importancia de acceder aos lugares e aos postos onde se toman as decisións: "Reclamar é moi complicado se non tes representación na administración".




