SER na escola
Ocio y cultura

SER na escola pecha o curso no colexio de Xunqueira de Ambía

Unha vintena de estudantes participaron na emisión en directo do Hoy por Hoy Ourense

SER na escola CEIP Padre Crespo Xunqueira de Ambía

O CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía acolleu unha nova edición do proxecto SER na escola que desenvolve Radio Ourense Cadena SER nos centros escolares do rural ourensán. Nesta ocasión, o Hoy por Hoy Ourense emitiuse en directo dende a biblioteca deste colexio coa colaboración dos estudantes, que participaron activamente nos contidos do programa.

O proxecto educativo do centro foi un dos temas principais deste SER na escola. O director, Javier Pérez Gallego, falou dalgunhas das iniciativas desenvolvidas ao longo do curso, como o programa Bicheando, a través do cal o alumnado estudou a fauna da contorna e elaborou material didáctico cos datos recompilados. Tres rapaces, Vega, Luiz e Telmo, foron os encargados de afondar no traballo levado a cabo polo alumnado de 5º e 6º de Primaria ao redor do sapoconcho europeo, unha especie autóctona en perigo de extinción e que habita no río Arnoia. Os escolares falaron de todo o que aprenderon e dos recursos que eles mesmos deseñaron, como un panel informativo ou un videoxogo dedicado a este reptil.

A música foi outra das protagonistas desta edición grazas ás actuacións das agrupacións de cantareiras e pandeireteiras Aturuxa e Xa_Ou de Xunqueira de Ambía. A profesora de pandeireta de Xa_Ou, Beatriz Crespo, falou da importancia de presevar as cantigas populares e de seguir dándolle un espazo á música tradicional. Tamén participaron nesta edición o alcalde do municipio, José Luis Gavilanes Losada, e o xefe territorial da Consellería de Educación, Jorge Rubén Sampedro.

Con esta edición dende Xunqueira de Ambía, o proxecto SER na escola despide o curso 2024-2025.