Investigadas catro persoas por loitas ilegais de galos en Coristanco
A Garda Civil incautou 19 aves e diversos materiais utilizados para o adestramento e organización dos combates


A Garda Civil investiga a catro persoas como presuntas autoras dun delito de maltrato animal no marco da operación Lecoq, logo de descubrir a celebración de loitas de galos.
As pescudas comezaron cando os axentes do posto de Carballo tiveron coñecemento da posible celebración dun combate clandestino de galos. Unha vez identificado o lugar, puxeron os feitos en coñecemento do Seprona, que se desprazou de inmediato ata a zona sinalada.
Na inspección, realizada nun galpón onde se escoitaban intensos cacarexos, os axentes localizaron múltiples galos de raza combatente española. As aves atopábanse en aloxamentos individuais —galleiras, recintos valados, transportíns de tea e mesmo unha caixa de cartón—, e presentaban sinais evidentes de preparación para o combate: esporóns traseiros extremadamente afiados e envoltos en esparadrapo para evitar feridas propias, ausencia de plumas no ventre e no lombo, cristas e barbóns amputados, patas rasuradas e esporóns limados.
Estas modificacións, segundo informou a Garda Civil, non están xustificadas por ningunha patoloxía veterinaria, polo que se considera que foron realizadas coa exclusiva finalidade de preparar os animais para combater. Trátase de prácticas que lles provocan un intenso sufrimento, ademais de expoñelos a enfermidades e infeccións, especialmente se non son realizadas por profesionais veterinarios.


Durante a operación, tamén se atopou un ring circular de lona —característico deste tipo de eventos—, un maletín con esporóns artificiais, protectores de esporón, limas, laca, cola, tesoiras, unha navalla, xiringas e tres reloxos de area que, supostamente, se usaban para medir os tempos dos combates. Ademais, apareceron dous bonecos de coiro con forma de galo, empregados para o adestramento dos animais, e unha zona moi pisada arredor do ring, sen vexetación, con envases de bebida e unha xiringa usada.
A Garda Civil procedeu á investigación das catro persoas como presuntas responsables dun delito de maltrato animal e outro de ameazas con arma de fogo. Tamén se incautaron 17 machos e 2 femias de raza de combatente, que serán trasladados a un centro de recuperación de fauna silvestre da Xunta de Galicia.
As investigacións continúan abertas, e non se descarta que se produzan novas actuacións nas vindeiras semanas.
A invetigación foi levada a cabo pola Unidade de Protección da Natureza (Seprona) da Comandancia da Garda Civil da Coruña, en colaboración co Posto Principal de Carballo e a Patrulla de Protección da Natureza de Milladoiro.